PARTICIPACIÓN CIDADÁ E CENTROS SOCIOCULTURAIS

"Cultura Viva. Fai túa Compostela" programa 18 novas rutas de abril a xuño

18/04/2013 O concelleiro de Centros Socioculturais e de Participación Cidadá, Francisco Noya, presentou as novas rutas didácticas para o período de abril a xuño de 2013 do proxecto educativo Cultura Viva. Fai túa Compostela. Esta é a continuación da segunda edición deste programa, que se iniciou en febreiro coas primeiras 17 rutas. Con estas últimas rutas, terán participado no programa máis de 1.000 persoas.

Nas novas rutas propostas realizarase unha visión panorámica do patrimonio cultural das parroquias, da súa paisaxe, do seu poboamento e do seu entorno. Son 18 rutas que responden ás demandas dos participantes e ao obxectivo da Concellería de incorporar percorridos polo territorio rural e periurbán de Compostela.

As rutas, que comezarán o 24 de abril e rematarán o 22 de xuño, permitirán visitar 14 parroquias: Conxo, Vidán, Laraño, San Frutuoso, San Xoán de Fora, Villestro, Figueiras, A Peregrina, Bando, Sabugueira, O Carballal, Enfesta, Marantes, Nemenzo e Verdía. Ademais, hai outras novidades, como a denominada "Espazos claustrais II- Hospital de San Roque", dúas rutas polos gremios de Compostela, novos percorridos polos espazos de arte e as casas da cidade e outra ruta literaria.

Nesta segunda fase, os veciños tamén terán unha nova oportunidade da participar nalgunha das rutas con máis éxito de anteriores convocatorias, como as dos balcóns de Compostela, a do Castelo da Rocha, a do Modernismo ou os percorridos polas ribeiras do Sarela e polo barrio de Sar.

Francisco Noya lembrou que cada ruta contempla un máximo de 20 prazas, de xeito que para este período entre abril e xuño hai 360 prazas dispoñibles. As rutas realízanse os mércores e sábados, en horario de mañá ou tarde.

Segundo indicou o animador sociocultural e coordinador do programa, Modesto López, interesados en participar nestas rutas poden inscribirse de forma presencial en calquera centro sociocultural a partir deste 18 de abril ás 17:00 horas, ou a través do teléfono do CSC do Castiñeiriño: 981 542 459.

Para os veciños e veciñas de Santiago, cada ruta ten un prezo de 1,50 euros, podendo adquirirse un bono de cinco rutas por 5 euros. Para desempregados e menores de 18 anos, a inscrición é de balde. Os non empadroados deberán pagar 15 euros por cada ruta.

Balance positivo
O concelleiro lembrou que o proxecto Cultura Viva comezou en setembro de 2012, coa previsión dun total de 57 rutas didácticas: 22 en 2012 e 35 en 2013, das que xa se realizaron 17.

Ata o momento inscribíronse no programa 953 persoas, das que finalmente obtiveron praza 663, o que dá conta da importante lista de agarda e do interese espertado por esta proposta didáctica. Nas 17 rutas deste 2013 inscribíronse 430 persoas, das que finalmente obtiveron praza 340. Neste sentido, o edil destacou que "xa dende a segunda semana do programa se completaron todas as rutas".

Finalmente, a directora do programa, Mar Bóveda, agradeceu a implicación no programa de máis de 30 colaboradores (voluntarios, membros de asociacións, representantes de institucións públicas e privadas) e de 22 espazos diversos vinculados aos distintos itinerarios, aos que publicamente agradecemos a súa colaboración. O concelleiro estendeu o seu agradecemento a Autocares Mosquera, que facilita o servizo de traslado en microbús nas rutas polas parroquias.

Festa dos maiores
O concelleiro aproveitou tamén a rolda de prensa para anunciar a aprobación pola Xunta de Goberno dunha nova edición da Festa dos Maiores, que se celebrará o sábado 11 de maio. Na vindeira semana comunicarase toda a información sobre a inscrición nesta festa, para a que se porán á venda 2.000 entradas a un prezo de 7 euros.

Compartir: