ALCALDÍA

Touroperadores xaponeses amosan o seu interese en potenciar as relacións turísticas con Santiago de Compostela

18/04/2013 O alcalde compostelán, Ángel Curras, recibiu en Raxoi un grupo de turoperadores xaponeses, interesados en potenciar a relación turística entre o mercado nipón e Santiago.

A delegación da empresa xaponesa H.I.S expresoulle ao alcalde que Compostela é un destino turístico e cultural de interese cada vez maior en Xapón. Neste sentido, salientaron o nivel de satisfacción que os visitantes nipóns apuntan tras a súa visita á cidade, así como a súa intención de repetir viaxe.

Turismo de Santiago tamén está interesado en potenciar a captación de turistas xaponeses, un mercado cada vez máis emerxente en Compostela e especialmente atractivo polo seu nivel adquisitivo. Neste sentido, tanto o Concello como os touroperadores xaponeses coinciden na aposta por reforzar os vínculos entre os camiños de Santiago e Kumano, e por aproveitar a mellor conectividade aérea destes momentos grazas ao enlace entre Lavacolla e Estambul de Turkish Airlines. Ademais, con motivo da celebración nuns meses do ano dual entre Xapón e España, estase a estudar a posibilidade de diferentes actividades en Compostela.

A delegación xaponesa estaba formada por Koki Hamajima e Tomoko Terasawa, director e comercial, respectivamente, da oficina de H.I.S en Madrid, e por Megumi Shiozawa, directora da Área de Proxectos con Xapón de Japan-Galicia Business Consulting.

Compartir: