REHABILITACIÓN

Presentado aos veciños o Plan de Rehabilitación na Pontepedriña

07/06/2006 Os veciños das vivendas do Grupo Compostela e Cardenal Quiroga tiveron na tarde de onte a oportunidade de coñecer os detalles do Plan de rehabilitación integral que xa se presentou na Consellería de Vivenda e Solo e no Ministerio de Vivenda. O alcalde de Santiago, Xosé A. Sánchez Bugallo, e o técnico da entidade que realizou o estudo explicaron o proxecto e atenderon as preguntas dos propietarios das vivendas que serán rehabilitadas.

Dende que o Ministerio aprobou o novo Plan de Vivenda 2005-2008 o pasado mes de marzo é posible que se acollan a plans de rehabilitación as vivendas que cumpran os requisitos, aínda que queden fora do casco vello. A cidade de Santiago está sendo pioneira en Galicia en abordar este tipo de proxectos. En apenas catro meses xa se propuxeron para rehabilitación dúas zonas de vivendas, a de Vista Alegre e agora as 450 vivendas do Grupo Compostela e Cardenal Quiroga, en Pontepedriña.

Na reunión que os veciños mantiveron con Sánchez Bugallo e co técnico do Instituto Universitario de Estudos e Desenvolvemento de Galiza (IDEGA) explicáronse os pormenores do Plan que xa foi entregado na Xunta e no Ministerio e está previsto que en outubro se aprobe a Declaración de Área de Rehabilitación Integral. Neste sentido, o alcalde apuntou que "a pilotaxe pública deste tipo de proxectos é importante de cara a evitar especulacións posteriores".

Rehabilitación de fachadas e elementos comúns
Segundo explicou o alcalde, no plan está prevista a rehabilitación exterior de fachadas e outros elementos comúns dos 47 edificios que integran o polígono. En 35 deles instalaranse ascensores exteriores que contribuirán notablemente a mellorar a calidade de vida dun barrio no que o avellentamento da poboación é moi elevado. Tamén está prevista a rehabilitación interior das vivendas que o soliciten, nas que será posible renovar cociñas, baños, instalacións eléctricas, de auga e calefacción, carpinterías, etc.

Por último, acometerase unha reurbanización dos espazos libres de uso público e levarase a cabo un saneamento do río que será costeada na súa totalidade polas administracións estatal, autonómica e local. O orzamento previsto para o plan ronda os 16 millóns de euros que nas actuacións das vivendas supón subvencións para os particulares de ata o 80% do orzamento protexible de cada actuación de rehabilitación, cunha contía media por vivenda de 9.000 euros.

Compartir: