CULTURA

Función familiar de "Frankenstein", de Teatro dos Ghazafelhos

17/04/2013 Que se pode esconder nun escuro castelo perdido nas montañas? Quizais algo que non quere ser descuberto ou, quizais, algo que está a esperar a que o descubran? Frankenstein é unha aventura nas entrañas dun castelo onde dous científicos, a Dra. Mon Champignom e o Dr. Pe Arrepío, investigan se o lendario monstro Frankenstein existe ou non, e para iso cóanse dentro do castelo un día de tormenta e alí atopan a Igor, un estraño personaxe chepudo. Esta función de teatro infantil chega ao Principal o domingo 21 de abril, ás 18:30 horas, da man de Teatro dos Ghazafelhos. As entradas están á venda a 5 euros, cunha entrada familiar de 4 entradas por 15 euros.

A Dra. Mon Champignom, é unha especialista en ciencias naturais. Intelixente, decidida, e fría. Investiga pola vella; diseccionando todo o que teña patas... Xunto a ela, o Dr. Pe Arrepío, compañeiro inseparable da Dra. Champignom, é especialista en ciencias paranormais. Moi soñador, covarde, e sincero. Gustaríalle atopar respostas a todos os soños da humanidade...

Acompáñaos nesta historia Igor, o chepudo, un personaxe desconcertante, non se sabe se vai ou vén. Dentro da súa estraña amabilidade esconde un enorme segredo. E por suposto, Víctor Frankenstein, un personaxe que parece estar á marxe da historia. De feito é o que presenta a historia e non aparece nela. É un personaxe torturado por dúas causas: a perda do seu gato Emperador III e a súa incesante loita coas ratas, que están por todas partes e son a alma da historia.

Frankenstein é un clásico da literatura, do cinema, do teatro e dos musicais. É unha obra que sempre está vixente para unha reposición e máis para público familiar xa que, ás veces, é complicado expor a monstruosidade á que pode chegar o ser humano por buscar a perfección. Iso pasoulle a Víctor Frankenstein e pásalle ás persoas que non se aceptan a se mesmas. Diso trata Frankenstein: da autoestima, do ser humano.

Teatro Ghazafelhos é unha compañía nada na comarca de Ferrol no ano 2006 e creada por Montse Piñón e Pepablo Patinho. Centrándose no traballo de monicreques, animación e teatro actoral, especialízanse na realización de obras teatrais para público familiar. Ghazafelhos soña con evocar nas súas historias ás grandes xenialidades que entenderon o máis efémero da vida: a infancia.

Compartir: