CULTURA

"Snakizados, comedia da fin do mundo", en dúas funcións no Teatro Principal

17/04/2013 Ancora Producións representa Snakizados o venres 26 e o sábado 27 de abril, ás 21:00 horas, no Teatro Principal. A seguinte cita co ciclo Teatro & Danza será o sábado 4 de maio, á mesma hora, con Villa Puccini (relato nun acto para actriz e soprano), con María Luísa Merlo (actriz) e Emilia Onrrubia (soprano).

Snakizados, con interpretación e autoría de Gustavo Pernas Cora (Premio Maruxa Villanueva) e dirección de Anxela G. Abalo, é un espectáculo anovador dende o texto á posta en escena, con imaxes e espazos sonoros e lumínicos impactantes. Ancora Produccións ofrece a través desta comedia da fin do mundo a terceira parte dos Logomonos, que con Pisados e Colgados falan da crise. Agora xa non é o Colgado que quere redimir a humanidade toda, non é o Pisado que alerta a unha sociedade xorda, agora é un ser, NonHé, feito de anacos, que non quere nacer. E o ser ou non ser... unha irónica perspectiva dos tempos que corren.

As entradas están á venda a 10 euros, cunha oferta especial para estudantes e xubilados para a función do sábado 27, que poderán adquirir a entrada a 6 €, na billeteira do Teatro Principal, aberta de martes a sábado (+ días de evento) de 18:00 a 21:00 horas, en entradas.novagaliciabanco.es e no 902 434 443.

E nova cita co teatro sábado 4 de maio con Villa Puccini (relato nun acto para actriz e soprano), con María Luísa Merlo (actriz) e Emilia Onrrubia (soprano). Entradas á venda a 18 e 15 euros nas mesmas canles de venda.

Compartir: