EDUCACIÓN E NORMALIZACIÓN LINGÜÍSTICA

O programa "O conto viaxeiro" estimulará a creatividade e o emprego do galego entre os escolares composteláns

17/04/2013 As concelleiras de Normalización Lingüística, Rebeca Domínguez, e de Educación, María Castelao, presentaron o programa O conto viaxeiro, que se desenvolverá ao longo do mes de maio en varios centros escolares. Tras o éxito da primeira edición, celebrada en varias parroquias, o proxecto permitirá agora aos escolares ir construíndo a súa historia ao longo de dez sesións. Os centros educativos teñen ata o 26 de abril para inscribirse na iniciativa.

María Castelao referiuse a este programa como un instrumento para "dinamizar o uso da lingua e mellorar a creatividade literaria e artística" dos máis novos. Neste obxectivo coincidiu Rebeca Domínguez, apuntando que "o mundo dos contos é especialmente idóneo para mellorar e ampliar o uso oral. A través da palabra falada transmítense coñecementos e valores e, por outra parte, a experiencia de ser protagonistas dun proxecto colectivo e autores dun conto pode resultar significativa no proceso de aprendizaxe dos nenos e nenas".

O conto viaxeiro componse de dez sesións de hora e media de duración, ás que poderán anotarse outros tantos grupos-aula dos centros escolares. Os monitores da actividade achegaranse aos colexios e traballarán co grupo para estimular a súa expresividade e creatividade artística. O primeiro dos grupos iniciará unha historia, conducido polos guías, que se irán continuando en cada unha das seguintes sesións ata completar un texto ilustrado que se vai difundir a través da bitácora de O conto viaxeiro. En cada unha destas sesións iranse introducindo os elementos constituíntes do conto –os lugares, os personaxes, as situacións-, favorecendo asemade, o coñecemento e a reflexión sobre o contorno lingüístico e cultural. Os centros poden anotarse ata o 26 de abril nesta actividade, que comezará o 2 de maio.

A edil de Normalización Lingüística indicou que o blog do proxecto irá dando conta da progresión do conto e do traballo dos nenos e nenas e tamén incorporará propostas de utilización didáctica do material para as idades de referencia (primeiro e segundo ciclo de educación primaria), ás que poderán acceder libremente o profesorado e as familias.

O ano pasado realizouse xa un conto viaxeiro que percorreu varias parroquias de Compostela con sesións nos centros. A experiencia animou ás concellerías de Educación e de Normalización Lingüística a levar este ano a actividade aos centros escolares para ampliar as súas posibilidades didácticas.

Nestes días enviarase a información do programa aos centros escolares do municipio para que, a través do correo electrónico, se anoten e elixan o día de preferencia. Os centros poden anotarse ata o 26 de abril nesta actividade, que comezará o 2 de maio.

Compartir: