ECONOMÍA

Gabriel Ginebra explicará como superar a incompetencia nun obradoiro dirixido a empresarios e emprendedores

16/04/2013 O Cersia acolle mañá mércores, ás 19:00 horas, un obradoiro formativo na xestión empresarial dentro do programa municipal Santiago Investors Support, dirixido a empresarios e emprendedores. O obradoiro, baixo o título Como afrontar e superar a incompetencia?, será dirixido polo reputado consultor Gabriel Ginebra, que en 2012 recibiu o premio como autor do Mellor Libro de Empresa 2012 por El japonés que estrelló el tren para ganar tiempo.

O obradoiro ten por obxectivos poñer de manifesto a necesidade de recoñecer que somos máis incompetentes do que pensamos, para a partires deste recoñecemento, poder mellorar como profesionais. Por iso, proporase un replantexamento da incompetencia.

Gabriel Ginebra é un reputado consultor e formador de empresas. A partires da súa experiencia, fixo unha reflexión propia sobre a incompetencia, a partir da cal escribiu o libro El japonés que estrelló el tren para ganar tiempo, no que describe como a intelixencia individual acaba converténdose en incompetencia colectiva, complicando a xestión nas empresas ata ter estruturas obesas e ineficaces.

A proposta lanzada por Gabriel Ginebra no seu libro, de revisar os principios que se impuxeron como normas e modelos no mundo da xestión nos últimos anos, romper moldes e mitos en torno á organización, a eficiencia e a excelencia e recuperar os principais valores dunha empresa, baseados nas persoas que a integran, foi merecedora do galardón como Mellor Libro de Empresa 2012 na segunda edición dos Premios Know Square.

Ao recoller o galardón, Gabriel Ginebra advertiu que "nas grandes organizacións, o enfoque na excelencia deixa de lado por completo á persoa" e avogou por retomar os modelos das pemes, "onde as persoas teñen o protagonismo, cada un sabe cales son as súas competencias e o que ten que facer". A inscrición é gratuíta e pode facerse a través da web da Área de Economía do Concello, www.cersiaempresa.org.

Compartir: