FACENDA

Listas para o debate no Pleno unhas contas que blindan o gasto social e apostan polas políticas de emprego e a equidade fiscal

16/04/2013 A concelleira de Facenda e Orzamentos, Cecilia Sierra, presentou os orzamentos 2013, que prevén uns gastos de 93.284.729 euros e uns ingresos de 96.525.739 euros, cun superávit de 3,5 millóns de euros. Estas contas, segundo a edil, están marcadas polas políticas de promoción do emprego e o investimento, a blindaxe do gasto social e dos servizos públicos básicos, a promoción económica e a equidade fiscal. O orzamento será sometido á aprobación inicial do Pleno na sesión ordinaria deste mes de abril.

Cecilia Sierra destacou catro eixes de actuación destes orzamentos 2013, do que o primeiro é o impulso das políticas activas e preventivas de emprego e os investimentos. Respecto ao emprego, salientou o incremento do 112% da partida destinada a este fin respecto a 2012, quedando en 933.000 euros. En canto ao carácter inversor destes orzamentos, indicou que os investimentos aumentan un 101%, de tal xeito que se destinarán 7.629.778 euros a este concepto.

O segundo eixe de actuación é a blindaxe do gasto público e dos servizos públicos básicos. Así, a área de protección e promoción social incrementa o seu orzamento nun 27% respecto a 2012. No capítulo dos servizos públicos básicos, mantéñense as partidas.

Outro dos eixes deste orzamento 2013 é o apoio aos sectores produtivos como instrumento en prol dun crecemento duradeiro e estable. Así, as axudas e accións destinadas ao tecido económico da cidade aumentan algo máis dun 10%. Dous proxectos, o Urbana Santiago Norte e o Santiago Investors Support concentran as actuacións neste eido.

Finalmente, Cecilia Sierra destacou a aposta municipal pola "equidade fiscal", que se traduce nunha loita contra o fraudes fiscal, cun estrito plan de control tributario que pretende facer "aflorar" 3 millóns de euros.

Dende o punto de vista técnico, a concelleira apuntou como características principais deste orzamento "realista" que se formulan cunha base 0, no marco dunha estabilidade orzamentaria e baixo a imposición dun teito de gasto.

Superávit
Pasando ás cifras globais, o orzamento contempla 96.525.739 euros de ingresos. Esta suba deriva fundamentalmente da maior recadación fiscal prevista, da suba das transferencias correntes e de capital e do incremento do IBI. Neste punto, a concelleira aproveitou para reafirmar o compromiso municipal de baixar os tipos deste imposto no exercicio 2014.

O orzamento de gastos é de 93.284.729 euros, 2.598.829 euros máis, o que supón 3,5 millóns de euros máis que no exercicio anterior. Non obstante, aclarou a concelleira que parte deste superávit se podería destinar á devolución de ingresos derivada da sentenza xudicial da operación Peleteiro, por importe de 2.603.674 euros, de ter que executarse esta sentencia e unha vez aprobada a posibilidade deste fin polo Ministerio de Facenda.

A edil indicou finalmente que, unha vez lograda a estabilidade orzamentaria e cifras de remanente positivas, o Concello estudará o destino destes remanentes a investimentos e a "suavizar" o Plan de Axuste.

As contas municipais foron aprobadas pola Xunta de Goberno na xornada do luns e pasarán pola Comisión Informativa de Facenda o venres 19, co fin de que sexa sometidos á aprobación inicial do Pleno na sesión ordinaria de abril, prevista para o xoves 25.

Compartir: