CIDADE HISTÓRICA

Ábrese o procedemento de contratación das obras de recuperación da Finca do Espiño para o uso público

16/04/2013 A concelleira de Urbanismo, María Pardo, anunciou a apertura do procedemento de contratación do proxecto de recuperación e acondicionamento da Finca do Espiño como parque público. Esta actuación ten un presuposto de 976.22 euros e permitirá recuperar para os cidadáns 18.000 metros cadrados de zonas verdes.

A actuación nesta superficie contempla dúas intervencións diferenciadas. Así, na primeira zona, de 10.000 metros cadrados, tratarase de conservar o bosque autóctono existente. Reporanse especies, limparase e habilitaranse camiños e sistemas de rego e alumeado. Segundo María Pardo, "trátase de por en valor este bosque cunha intervención pouco agresiva".

A outra parte do parque ten un carácter máis axardinado. A intervención centrarase en acondicionar esta superficie, mantendo a idea orixinal da finca, tamén realizando plantacións de árbores autóctonas nos lugares onde sexa necesario. A carón do palacete, acondicionarase o xardín tradicional existente. Tamén se habilitará unha zona de estacionamento restrinxido, con poucas prazas, unicamente destinadas a prestar servizo ao devandito inmoble.

A concelleira indicou tamén que as empresas que se presenten ao proceso de contratación poderán introducir melloras relacionadas fundamentalmente co aforro enerxético e de auga, co emprego de materiais autóctonos, e respectuosos co medio ambiente e coa elaboración dun libro de obra, que conterá os detalles do mantemento do parque e planos das instalacións executadas.

María Pardo estimou en tres meses o prazo para o inicio das obras. Paralelamente, o Concello segue a traballar no proxecto de rehabilitación do palacete. Sobre o mesmo, anunciou que a intención é que teña un espazo para oficinas e outro para exposicións.

Comisión Asesora do Casco Histórico
Na mesma rolda de prensa, a edil deu conta dos asuntos tratados na última sesión da Comisión Asesora do Casco Histórico. Así, deuse o visto bo a dúas obras do Consorcio: unha de restauración das varandas barrocas do Pazo de Raxoi, por 59.134 euros, e outra de restauración escultórica e de varandas no mosteiro de San Paio de Antealtares, por 90.901 euros. Tamén se autorizaron rehabilitacións en dúas vivendas e un novo ascensor para a ARI de Vista Alegre, concretamente para o edificio situado na rúa Boiro, 8.

Compartir: