BENESTAR SOCIAL

Os concellos e a Xunta e colaboran na posta en marcha do convenio de desafiuzamentos

15/04/2013 A concelleira de Benestar Social, María Castelao, asistiu a unha reunión explicativa sobre o contido e desenvolvemento do convenio que a Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP) vén de asinar coa Xunta e o Consello Xeral do Poder Xudicial para actuar de forma preventiva ante causas de desafiuzamentos.

A reunión, celebrada na delegación territorial da Xunta na Coruña, contou coa asistencia do vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda; da conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato; e do presidente da FEGAMP, José Manuel Rey. No encontro abordouse o protocolo de actuación para poder aplicar de forma áxil e efectiva o devandito convenio.

Grazas a este protocolo, en Galicia poderase traballar con antelación cando se produza unha situación de especial vulnerabilidade, xa que os xuíces comunicarán á Xunta cando se produza unha situación destas características que. A Administración autonómica porase en contacto automaticamente cos servizos sociais dos concellos.

Os xuíces alertarán aos servizos sociais dos concellos, que poderán realizar unha valoración provisional da situación de cada familia. De forma complementaria, o Servizo de Coordinación de Servizos Sociais Comunitarios da Consellería de Traballo e Benestar estudará posibles solucións, ben a través dos programas de inclusión social ou menores, ben analizando co Instituto Galego de Vivenda e Solo a aplicación dun programa de realoxo dos afectados.

Compartir: