CULTURA

Loquillo y los Trogloditas e Ocean Colour Scene, próximas citas do Compostela Rock

15/04/2013 Loquillo y los Trogloditas presentan o seu novo disco, La nave de los locos, o venres 19 de abril, ás 21:30 horas, no Auditorio de Galicia, nunha nova entrega do Compostela Rock. Ao día seguinte, tamén dentro deste ciclo e na Sala Capitol, ás 20:00 horas, actuación de Ocean Colour Scene.

O 23 de outubro do 2012, saíu á venda La nave de los locos, o agardado novo disco de Loquillo con cancións de Sabino Méndez, autor dalgúns dos seus grandes éxitos. Colaborando de novo tras máis de dúas décadas, a resposta de crítica e público foi unánime na cualificación do traballo como un gran disco de rock and roll. O disco situouse no número 3 de vendas na súa primeira semana.

Tivo que pasar polo rock de base, flirtear co glam, ter unha aventura cos poetas, seducir como un crooner para chegar aquí e Santiago de Compostela será testemuña diso. No escenario hai tres parellas. Cada unha delas baila a súa relación, as súas emocións. Comparten certo sentido dun inminente desastre, unha danza dinámica e explosiva e unha intensa linguaxe expresiva. A obra conta con música orixinal do compositor e intérprete inglés Jim Pinchen.

O concerto será o venres 19, ás 21:30 horas, no Auditorio de Galicia. O prezo das entradas é de 28 € + gastos de distribución ata o xoves, e de 32 € o día do concerto na billeteira. As entradas poden mercarse na billeteira do Teatro Principal, en entradas.novagaliciabanco.es, no 902 434 443 e en A Reixa Tenda, ademais de na billeteira do Auditorio de Galicia na tarde do concerto.

Ocean Colour Scene virán de xira a presentarnos o seu novo disco, Painting, que saíu á venda o 11 de febreiro. Trátase do primeiro traballo que os de Birmingham van publicar dende Saturday, obra elástica e amiga de escoitas repetidas coa que fai un par de anos culminaron brillantemente unha década que os mantivo moi ocupados (dende 2001 e ata 2010 sacaron cinco discos de estudo e tres directos), embarcados nesa misión na que levan desde finais dos 80.

O concerto será o sábado 20, ás 20:00 horas, na Sala Capitol. O prezo das entradas é de 22 € + gastos de distribución. Entradas no Teatro Principal, Ticketea, Ticketmaster e A Reixa Tenda.

Compartir: