CONSORCIO

A Comisión Executiva do Consorcio aproba unha nova convocatoria de axudas ao mantemento de edificios na Cidade Histórica

15/04/2013 O alcalde e presidente do Consorcio de Santiago, Ángel Currás Fernández, presidiu a Comisión Executiva do ente interadministrativo. Na reunión aprobáronse as bases dunha nova convocatoria de axudas ao mantemento de edificios da Cidade Histórica de Santiago.

O Consorcio habilitou un orzamento de 80.000 euros destinados a subvencionar obras de conservación en fachadas, cubertas, portas, fiestras e galerías de madeira. Trátase do programa Ter é manter, unha liña de axudas que naceu en 2009 e que está pensada para aqueles edificios do casco histórico que presenten un aceptable estado de conservación ou que foron rehabilitados nos últimos anos, para garantir neles os traballos necesarios de conservación.

Con este apoio técnico e económico, o Consorcio de Santiago quere fomentar a cultura do mantemento, xa que se trata da mellor maneira de optimizar recursos económicos e fomentar a cultura da conservación do patrimonio. En definitiva, é recuperar os vellos hábitos do mantemento que permitían conservar en boas condicións a vivendas evitando facer obras máis custosas.

A subvención serán de ata o 40 % do custo de execución das obras de mantemento e é proporcional ao tamaño do inmoble. Poden ser beneficiarios das axudas propietarios, arrendatarios ou titulares dalgún dereito de uso sobre o inmoble. O uso principal do edificio debe ser o de vivenda, estar dentro do ámbito do Plan Especial da Cidade Histórica e ter suficiente seguranza estrutural e estanquidade fronte á chuvia e unha antigüidade superior a 5 anos.

Convenio coa Catedral
Por outra banda, na mesma Comisión Executiva deuse o visto bo ao convenio de colaboración entre o Consorcio de Santiago e a Fundación Catedral de Santiago polo que se destinan axudas relacionadas co desenvolvemento do Plan Director e do Plan de Xestión da basílica, orientado ao seu futuro autofinanciamento. Segundo este convenio, destinaranse 892.897 neste exercicio 2013 euros para obras de mellora no conxunto catedralicio, en concreto 56.000 euros destinados a melloras na Oficina do Peregrino (situada no edificio da Casa do Deán), 330.000 euros para a rehabilitación da Sala de Armas no Pazo de Xelmírez (que será destinado a usos culturais, tales como exposicións) e 506.000 euros para achegar ao proxecto de restauración das torres da fachada do Obradoiro.

Documentos relacionados



Compartir: