ECONOMÍA

Máis de 200 persoas xa se inscribiron na segunda edición de CONECOM

15/04/2013 A concelleira de Comercio, Reyes Leis, presentou a Segunda Conferencia de Comercio Electrónico de Galicia, CONECOM, que se celebrará o día 24 de abril no Palacio de Congresos e Exposicións e será de asistencia gratuíta. A edil estivo acompañada do promotor do evento, Xosé Rivera, e do secretario xeral adxunto da Cámara de Comercio, Fernando Barros.

A artesanía, a agricultura, a industria e mesmo a cultura teñen gran potencial de comercialización, pero en moitos casos hai un descoñecemento das posibilidades que lles ofrece o comercio electrónico. Por iso, CONECOM ten por finalidade formar e dar as ferramentas de traballo ás Pemes e as novas iniciativas empresariais no comercio electrónico para así crear un sector competitivo e fortalecer o tecido empresarial galego.

Este sector da venda electrónica é cada vez máis emerxente, como o demostra o feito de que medra en torno a un 25% cada ano, segundo apuntou Xosé Rivera. Non obstante, dixo, "en España e Galicia segue a comprarse máis que venderse, polo que é necesario máis investimento para que o balance sexa positivo".

CONECOM tratará temas fundamentais para o correcto desenvolvemento dun proxecto de comercio electrónico: Introdución ao comercio electrónico, situación actual e oportunidades; M-commerce, o E-commerce Móbil; Pasarelas de pago; Xestión de portes; Publicitando a nosa tenda; Dropshiping, que vender e como vendelo?; Software libre para E-commerce; Seo para Ecommerce.

A inscrición ao programa é gratuíta. Pode facerse a través da páxina www.conecom.es, onde pode consultarse tamén toda a información do evento.

Neste momento hai xa máis de 200 persoas inscritas. A edición de 2012 tivera 400 participantes e a intención da organización é dobrar esta cantidade nesta convocatoria de 2013.

Documentos relacionados

Direcciones relacionadas



Compartir: