XUVENTUDE

Xuventude organiza as I Xornadas de Emprendemento e Promoción do Emprego

12/04/2013 A concelleira de Xuventude, Rebeca Domínguez, presentou as Xornadas de Emprendemento e Promoción do Emprego "Os xoves emprende", organizadas polo Concello e Junior Empresa de Santiago (Jemsa). A súa presidenta, Adriana Martínez, e o seu tesoureiro, Jesús Vázquez, acompañaron a edil na rolda de prensa.

Estas xornadas desenvolveranse os xoves 25 de abril, 16 e 23 de maio e 13 e 20 de xuño, de 17:00 a 20:30 horas, no Centro Sociocultural e Xuvenil Municipal do Ensanche. Este programa, segundo indicou Rebeca Domínguez, pretende "incrementar a competitividade, fomentar a empregabilidade e motivar a creación de empresas".

As cinco sesións abordarán, respectivamente, os seguintes contidos: creatividade, innovación e análise de mercado; técnicas de venda e protocolo; elaboración e avaliación de proxectos empresariais; liderado, motivación e traballo en equipo; e métodos de internacionalización e investigación de novos mercados.

A inscrición, de balde, poderá realizarse no propio CSCXM do Ensanche ou a través do correo dptoxuventude@santiagodecompostela.gal. Admitirase, por rigorosa orde de inscrición, un máximo de 90 participantes.

Todos os inscritos recibirán un diploma acreditativo da súa asistencia. Ademais, entre todos sortearase un convite ao Congreso Nacional Junior Empresa, que se desenvolverá en Santiago de Compostela en novembro deste 2013.

Máis información:
Departamento de Xuventude
CSCXM do Ensanche (rúa Frei Rosendo Salvado 14-16, baixo)
Tel: 981 543 001 Fax.: 981 543 002
dptoxuventude@santiagodecompostela.gal

Compartir: