ECONOMÍA

O Cersia acolle dous novos obradoiros, un sobre o éxito e outro sobre a incompetencia

11/04/2013 O Cersia acollerá a vindeira semana dous obradoiros formativos na xestión empresarial dentro do programa municipal Santiago Investors Support, dirixido a empresarios e emprendedores. O primeiro obradoiro celebrarase o martes 16 de abril, de 16:30 a 19:30 horas, baixo o título Lidera o teu camiño cara o éxito. O segundo celebrarase o 17 de abril, ás 19:00 horas, baixo o título Como afrontar e superar a incompetencia?.

O primeiro obradoiro, organizado por AJE Galicia en colaboración coa Área de Economía do Concello de Santiago, dirixida por Reyes Leis, é dar as chaves para: romper e cambiar hábitos, transformar os temores en poder e enerxía, relativizar as dificultades do camiño e adaptarse aos retos con confianza plena.

Os relatores serán Felipe García Rey e Leandro Fernández Macho, profesionais do coaching executivo e persoal, formadores e dous dos primeiros profesionais acreditados en España para o uso de dinámicas de alto impacto e Firewalking polo Firewalking Institute of Research and Education.

O segundo obradoiro, organizado directamente pola Área de Economía municipal, ten por obxectivos poñer de manifesto a necesidade de recoñecer que somos máis incompetentes do que pensamos para, a partires deste recoñecemento, poder mellorar como profesionais. Por iso, proporase un replantexamento da incompetencia.

O relator será Gabriel Ginebra, consultor e formador de empresas. A partir da súa experiencia, fará unha reflexión propia sobre a incompetencia, a partir da cal escribiu o libro El japonés que estrelló el tren para ganar tiempo, no que describe como a intelixencia individual acaba converténdose en incompetencia colectiva, complicando a xestión nas empresas ata ter estruturas obesas e ineficaces.

Compartir: