BENESTAR SOCIAL

O Equipo de Dinamización Social do Urbana Santiago Norte inicia o seu programa de competencia social e crecemento persoal

11/04/2013 O Equipo de Dinamización Social Urbana Santiago Norte-Servizos Sociais iniciou unha serie de obradoiros no Centro Comunitario Xoán XXIII. Esta iniciativa, encadrada dentro do Programa de Competencia Social e Crecemento Persoal, consiste na posta en marcha de varias sesións formativas con temáticas diferentes. Así, unha das propostas é á elaboración de pratos de cociña económicos.

As sesións de cociña consisten na elaboración de diferentes menús para catro persoas por un importe máximo de catro euros. Os participantes nesta actuación cada semana cociñarán un menú diferente, cun primeiro e segundo prato e unha sobremesa.

Nesta primeira sesión de cociña económica participaron 12 persoas, que intentaron facer o mellor aproveitamento dos alimentos en prol da economía das familias. Así, para realizar os menús priorizouse o aproveitamento dos condimentos dispoñibles na casa e comprouse cun máximo de 4 euros o resto de produtos.

Esta iniciativa está pensada dende o Equipo de Dinamización Social Urbana Santiago Norte e o Centro Comunitario Xoan XXIII para apoiar os procesos de axuda que se realiza coas familias en situación de risco ou exclusión social.

Tanto este como os seguintes obradoiros de cociña económica levaranse a cabo todos os mércores do mes de abril e maio, en horario de mañá de 10:30 a 13:00 horas, aproveitando a finalización de cada unha das xornadas para que os participantes poidan dar conta, unha vez rematado o obradoiro, dos pratos elaborados por eles mesmos. Este tipo de actividade facilita ás persoas participantes, ademais dos contidos específicos do obradoiro de cociña, a adquisición de hábitos sociais e saudables (puntualidade, responsabilidade, convivencia, etc).

Esta iniciativa está incluída na medida denominada Programas de dinamización social, igualdade de oportunidades, formación e educación de colectivos en risco de exclusión, no marco do proxecto Urbana Santiago Norte, cofinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER).

Compartir: