XUNTA DE GOBERNO

Ábrese o prazo de solicitude dos obradoiros de verán e do curso 2013-2014 das escolas infantís de Conxo e Fontiñas

11/04/2013 A Xunta de Goberno, na súa sesión ordinaria, aprobou os prazos de solicitude e matrícula dos obradoiros de verán 2013 e do curso 2013-2014 das escolas infantís municipais de Conxo e Fontiñas. Tamén se deu o visto bo á revisión de tarifas do estacionamento da praza de Galicia e do tanatorio de Boisaca.

Un ano máis, as escolas infantís municipais de Conxo e Fontiñas ofrecen unha programación de obradoiros co fin de que os nenos se sensibilicen de forma divertida con diferentes disciplinas artísticas; de fomentar a curiosidade e as ganas de aprender; de descubrir novas aventuras e de fomentar o traballo en equipo. O prazo de solicitude para os xa matriculados estará aberto entre o 15 e o 19 de abril, mentres que as familias dos novos participantes deberán entregar a súa solicitude entre o 1 e o 15 de maio.

En canto ao curso 2013-2014, están previstos obradoiros de arte, cociña divertida, patrimonio, coñecemento do corpo e informática. Os prezos mensuais da matrícula son: 55 euros (dúas tardes), 80 euros (tres tardes), 105 euros (catro tardes) ou 125 euros (cinco tardes). O prezo por día solto será de 12,55 euros. Ademais, establécese un prezo de utilización do servizo de comedor de 75 euros ao mes, e de 5 euros para os días soltos. No caso do almorzo, o custe será de 30 euros ao mes ou de 2 euros cada día solto.

Os obradoiros de verán desenvolveranse de luns a venres de 10:00 a 14:00 horas, e o seu prezo será de 125 euros. Neste caso hai preparados obradoiros de creación e manualidades e de deporte en equipo.

Revisión de prezos
A Xunta de Goberno aprobou a revisión de prezos do estacionamento da praza de Galicia. Segundo o prego de condicións, neste aparcadoiro a actualización debe realizarse cada cinco anos. Así, a suba media, segundo o incremento do IPC, fíxase nun 11,48%. Deste xeito, a modo de exemplo, media hora de estacionamento pasa de 0,85 a 0,95 euros, e unha hora de 1,55 a 1,75 euros.

Tamén se aprobou a actualización de prezos segundo o IPC anual das tarifas do tanatorio de Boisaca. O incremento é dun 2,9%.

Locais de música
A proposta da concelleira de Xuventude, adxudicouse a xestión das actividades dos locais de ensaio para grupos de música de San Lázaro, por un importe de 10.409 euros, para os exercicios 2013 e 2014.

Documentos relacionados



Compartir: