CULTURA

Dúas citas coa danza contemporánea no Teatro Principal para o mes de abril

11/04/2013 O director-xerente do Auditorio de Galicia, José Víctor Carou, presentou os espectáculos de danza de abril acompañado de Nuria Sotelo, da compañía de danza Licenciada Sotelo. Desta será o espectáculo Usted está aquí, o 19 de abril, no Teatro Principal. Dous días antes, Thomas Noone presenta no mesmo escenario a súa última creación, Lugares extrañamente desastrosos.

Estes dous espectáculos intégranse na programación de Teatro & Danza e foron seleccionados a través da Rede Galega de Teatros e Auditorios (RGTA). Servirannos tamén para celebrar o Día Internacional da Danza, o 25 de abril. Nesta semana, a danza estará representada por dúas compañías dos extremos da xeografía española: Thomas Noone Dance, que dirixida polo británico Thomas Noone ten a súa residencia en Barcelona, e a compañía de danza galega Licenciada Sotelo, dirixida por Ana Vallés.

Thomas Noone presenta a súa máis recente creación, Lugares extrañamente desastrosos o mércores 17. Lugares é a danza máis dinámica, irónica e extrema. No escenario hai tres parellas. Cada unha delas baila a súa relación, as súas emocións. Unha danza de múltiples riquezas, cun dinámico sentido do ritmo. A obra conta con música orixinal do compositor e intérprete inglés Jim Pinchen.

Usted está aquí, da compañía Licenciada Sotelo, un dúo de danza e teatro, estará no Principal o venres 19. Conta co autoría, dirección, adaptación e coreografía de Ana Vallés, e con Nuria Sotelo e Natxo Montero como bailaríns. Con Usted está aquí propón un achegamento á forma de mirar ou ao xesto pequeno, cuestionándose onde empeza a danza e onde remata o teatro, que parte de realidade ou ficción hai nunha personaxe, nunha persoa. Trátase dun zoom sobre a persoa e o seu misterio.

Estas citas coa danza contemporánea terán lugar no Teatro Principal ás 21:00 horas. As entradas están á venda na billeteira do Teatro Principal, en entradas.novagaliciabanco.es e no 902 434 443.

As entradas para Lugares extrañamente desastrosos, de Thomas Noon Dance, teñen un prezo de 10 euros e de 6 euros para estudantes e grupos maiores de 5 persoas de conservatorios e escolas de danza e música. O prezo das entradas de Usted está aquí, da compañía Licenciada Sotelo é de 8 euros e de 5 euros para estudantes e os devanditos grupos.

Compartir: