SEGURIDADE CIDADÁ

O departamento de Seguridade publica as normas para as fogueiras de San Xoán

06/06/2006 As cacharelas da noite do 23 de xuño terán que ter unha separación mínima de 12 metros respecto a edificios e árbores, e o seu volume de combustible non poderá superar nin os 8 metros de perímetros nin os tres de altura. Estas son algunhas das normas de obrigado cumprimento que, como cada ano, impón o departamento de Seguridade Cidadá do Concello de Santiago para aqueles grupos, asociacións ou colectivos que queiran organizar as tradicionais fogueiras na noite do 23 de xuño.

As fogueiras non poderán estar situadas baixo tendidos eléctricos ou telefónicos, nin preto de ningún local onde se almacenen produtos inflamables. Igualmente, queda prohibida a queima de pneumáticos, plásticos, escumas de poliuretano, aceites e, en xeral de calquera substancia que ao arder desprenda fume tóxico. Tampouco poden ir ao lume recipientes que conteñan líquidos inflamables ou gases a presión, malia que estean baleiros.

A última das obrigas compete aos responsables da organización, que coidarán que as cinzas queden totalmente apagadas antes de abandonar a mesma. Ademais, no caso de que a cacharela se faga sobre terreos de uso público enlousados, os organizadores encargaranse de protexer o pavimento cunha capa de area de 10 centímetros, que poderán solicitar á Brigada de Vías e Obras.

O Servizo Municipal de Extinción de Incendios verificará o cumprimento de todas estas normas durante a noitiña do día 23 e dará conta das infraccións á Policía Municipal. En todo caso, en ante calquera continxencia, os organizadores das fogueiras deberán ter a man o teléfono dos Bombeiros (080).

Por outra banda, os interesados en realizar cacharelas na súa zona de residencia deben presentar a súa solicitude no Rexistro Xeral do Concello antes do vindeiro xoves 15 de xuño.

Documentos relacionados



Compartir: