PARQUES E XARDÍNS

O novo parque interxeracional de Ramírez estará listo a principios de maio

10/04/2013 As obras do novo parque interxeracional de Ramírez avanzan a bo ritmo malia as inclemencias meteorolóxicas. Así o puido constatar a concelleira de Obras e Infraestruturas, María Pardo, na visita que realizou á zona de actuación. Anunciou que mesmo se poderán adiantar os prazos e abrir o parque a principios de maio.

As obras realizadas permiten observar xa a configuración que terá o parque, unha vez eliminados os montículos existentes, e os espazos diferenciados que terá. O parque xa está acoutado polo valado que delimitará a zona de xogos e que permitirá pechala durante a noite. Tamén está habilitado o lugar ao que volverá o tradicional cruceiro. Tras esta intervención, indicou María Pardo, quedará "o mellor parque de Santiago, moi necesario na zona do Ensanche, carente de zonas verdes e de parques".

O novo parque de Ramírez, cuxa construción foi adxudicada por un importe de 350.002 euros máis IVE, será a primeira área interxeracional de lecer da que dispoña o Ensanche, de xeito que poderán facer uso dela nenos, mozos, pais e avós. Serán máis de 700 metros cadrados de parque infantil e outros 200 metros cadrados de pista polideportiva, das que poderán facer uso simultaneamente uns 194 usuarios: 115 nenos e 40 adultos comodamente sentados no parque, un máximo de 14 usuarios na pista deportiva e ata un máximo de 25 usuarios nos circuítos biosaudables.

En canto ao parque infantil, quedará organizada en catro zonas de formas redondeadas, conectadas por sinuosos camiños pavimentados con céspede artificial antiestático. Os camiños axudarán a agrupar os xogos por idades, creando pequenas separacións para que os nenos máis pequenos queden máis controlados e protexidos dos maiores.

Como denominador común das catro zonas, todos os xogos propostos caracterízanse pola asociación do metal con cordas e HPL de cores azul e laranxa. Ademais, son materiais altamente resistentes aos axentes meteorolóxicos, ao uso intensivo e aos posibles actos vandálicos. As áreas de xogo estarán pavimentadas con caucho continuo de fondo azul con motivos cósmicos en cor amarela.

Catro zonas
Cada unha das catro zonas equiparase con elementos adecuados a distintas franxas de idades e capacidades. Ademais, estas áreas son exemplos de integración, pois o xogo reunirá todos os nenos, incluso aos que presenten algunha discapacidade.

A primeira zona denomínase de xogo combinado, para idades de 2 a 12 anos. Ten un gran xogo de tres torres, a máis alta delas de 6,50 metros de altura, da que sae un tobogán. Tamén ten un randeeiras cesta.

A segunda zona é un centro de actividades para usuarios de todas as idades. Ten dous pórticos de randeeiras e unha área con casiña e tobogán. A isto hai que sumar un resorte múltiple con paneis laterais, un resorte individual, un balancín dobre e un panel lúdico-pedagóxico do sistema braille. Os pequenos tamén poderán xogar á mariola.

A zona 3 concíbese como un xogo interactivo para nenos e nenas de máis de 3 anos. Esta área disporá dun xogo de trepa interactivo, nunca antes instalado en Galicia, no que se combina un a trepa tradicional con satélites electrónicos integrados. Pequenos e maiores poderán sentirse atraídos por esta instalación.

As montañas son as protagonistas da cuarta zona, para todas as idades. As montañas combinaranse con tobogáns, cordas de trepa e unha cama elástica redonda. A montaña maior deseñouse para que resulte accesible para nenos con dificultades motrices, incluso por nenos usuarios de cadeira de rodas.

O novo mobiliario facilitará a comodidade, a separación das propias áreas de xogo e o control dos rapaces polos pais, dada a súa situación. Con acabados en madeira, instalaranse catro bancos curvos de 4,5 metros de lonxitude e catro bancos tipo cadeira, ademais de dúas papeleiras.

Pista polideportiva e circuítos biosaudables
A pista polideportiva permitirá a práctica do fútbol e o baloncesto. O pavimento, así como as liñas regulamentarias, estarán realizados en céspede artificial antiestático. A estrutura entramada de valados metálicos arredor permitirá a perfecta visibilidade do entorno, tanto dende dentro como dende fóra da pista, debido á súa transparencia.

O parque completarase con dous circuítos biosaudables: un para o acondicionamento físico, onde os elementos seleccionados están especialmente deseñados para o exercicio cardiovascular e de forza; e outro para un tipo de exercicio de menos intensidade, no cal o tipo de exercicio está máis indicado para persoas maiores.

Documentos relacionados



Compartir: