FESTAS

Macaco, Pignoise e David Civera, primeiros nomes confirmados para uns concertos da Ascensión integramente de balde

10/04/2013 O concelleiro de Festas, Francisco Noya, presentou un avance das festas da Ascensión, que se celebrarán do 8 ao 12 de maio. Macaco, Pignoise, David Civera ou Rosa Cedrón son algúns dos nomes xa confirmados para uns concertos que serán todos gratuítos.

O concelleiro apuntou que "as festas da Ascensión son as festas da cidade por excelencia, nas que a Concellaría de Festas presta especial atención aos programas tradicionais, mantendo e reforzando os actos consolidados polo tempo". Neste sentido, apuntou que se manteñen actividades como a feira cabalar ou a festa dos maiores.

O programa desta edición, dixo, "ofrecerá actividades para todos os públicos: diversión para os máis pequenos, verbenas, concertos acomodados aos gustos dos adolescentes, espectáculos variados ou teatro de sala". Así, as festas arrancan o mércores 8 de maio cun espectáculo musical na Quintana en colaboración coa Cadena Ser. Toni Aguilar animará un concerto con diferentes grupos, sesións dance e DJ e que terá como prato forte a actuación de Macaco.

Gala musical e de humor no Obradoiro
No día da Ascensión, o xoves 9 de maio, non faltará a tradicional Feira Cabalar, que se celebrará un ano máis no recinto feiral de Amio. A xornada completarase con diversas actividades festivas ao longo do día e rematará cunha gala musical e de humor na praza do Obradoiro. Alí estarán, entre outros, Pignoise e David Civera, pero haberá humoristas e outras sorpresas. A gala será presentada por Liborio García e Silvia Jato.

O venres 10 contaremos tamén con actividades de animación e deportivas ao longo do día. Pola noite, na praza da Quintana poderemos gozar dunha Noite Meiga, concerto no que participarán artistas galegos, entre eles Rosa Cedrón e un grupo invitado.

O sábado 11 celebrarase a XV edición da Festa dos Nosos Maiores no recinto feiral de Amio. Como cada ano, servirase unha comida aos asistentes, que rematará coa actuación musical da orquestra Superfama. Esta será unha xornada dedicada tamén ao programa Corais na Rúa. Trece corais da cidade realizarán pequenas actuacións en seis prazas a partir das 17:40 horas, para rematar cunha actuación conxunta na praza das Praterías ás 20:00 horas.

As festas rematarán o domingo 12. Ese dia, actuación da Banda Municipal, programación infantil, un concerto no Auditorio e diversas actividades deportivas.

Ao longo da semana das festas estarán instaladas as atraccións da Alameda. Este ano volve a Santiago a noria máis grande de España. Tamén na Alameda, haberá actuacións das orquestras Los Satélites, Ciclón e Filadelfia. E como en cada edición, non faltarán na rúa os cabezudos, as charangas e as demais actividades tradicionais propias destas festas da Ascensión.

O concelleiro agradeceu a colaboración dos departamentos de Mercados e, sobre todo, de Deportes e de Cultura, cunha serie de actividades que tamén se incluirán no programa e que se presentarán en breve. Ademais, e á vista da merma da partida orzamentaria de Festas, anunciou que este ano, as festas do Apóstolo durarán unicamente unha semana, do 24 ao 31 de xullo. A propósito disto, Francisco Noya fixo un chamamento ao tecido económico da cidade a colaborar coas festas do Apóstolo, amosándose "máis aberto que nunca ás súas propostas".

Compartir: