DEPORTES

Seguen as obras de acondicionamento do ximnasio do Estadio de San Lázaro

09/04/2013 O concelleiro de Deportes, Adrián Varela, visitou a obras de acondicionamento e mellora que se están a realizar no ximnasio do Estadio de San Lázaro. Con esta actuación, o Concello contará cun novo espazo multideportivo para as entidades deportivas da cidade. As obras rematarán nun prazo non superior a un mes.

Aproveitando a forma do local, estableceranse dous espazos diferenciados polo uso, marcados por diferentes pavimentos. Unha das salas, con pavimento de formigón pulido e separada por un entramado lixeiro, estará dedicada ao traballo con máquinas. A outra sala, conectada visualmente coa anterior, terá un pavimento especial de PVC, apto para calquera actividade propia dun ximnasio.

A estas obras sumarase a instalación dun sistema de renovación dea ire e climatización. Ademais, abrirase un oco na fachada do soportal do ximnasio para permitir a entrada de luz natural e pintaranse paredes e teitos.

Tras esta intervención, quedarán dúas salas versátiles, unha de 259 metros cadrados (zona de actividades deportivas) e outra de 51 metros cadrados (zona independente de aparatos). Ademais destes espazos, contarase con dous halls – un con acceso dende o soportal do Estadio e outro dende a pista de atletismo-, almacén e cuarto de instalacións e aseos. Esta obra ten un custo de 49.300 euros e conta co financiamento da Deputación da Coruña.

Esta é a primeira dunha serie de obras que o Concello pretende executar no Estadio de San Lázaro, co fin de recuperar este recinto deportivo tanto para a práctica do atletismo como doutros deportes considerados minoritarios. Neste último caso, a intención é a de habilitar os vestiarios en desuso situados na parte de preferencia, para crear diversas salas multiusos. Estas salas destinaríanse fundamentalmente a deportes de loita e artísticos, e a outros como o tiro con arco.

Compartir: