CULTURA

Sons’13 trae a Pedro Guerra ao Principal

09/04/2013 O cantautor Pedro Guerra trae ao Teatro Principal as cancións dos seus 30 anos na profesión dentro do ciclo Sons’13. Será o domingo 14, ás 20:30 horas. As entradas están á venda a 15 euros (13 euros no anfiteatro).

Pedro Guerra naceu en Güímar (2 de xuño de 1966), en Santa Cruz de Tenerife. Simultanea os seus estudos cos do Conservatorio Superior de Música de Tenerife. Forma o Taller Canario de Canción en 1985 xunto con Rogelio Botanz e Andrés Molina. Con este Taller gravará os discos Trapera (1987), Identidad (1988), A por todas (1989) -contando coa colaboración de Silvio Rodríguez na canción "Encubrimento de América"- e Rap a duras penas (1991), coas colaboracións de Joaquín Sabina, Luís Eduardo Aute ou Cecilia Todd, entre outros.

En 1993 trasládase a Madrid para iniciar a súa carreira en solitario. Alí faise frecuente de salas como Liberdade 8, Teatro Alfil etc... Tamén colabora con outros artistas como músico e compositor: Ana Belén, Víctor Manuel, Joaquín Sabina, Cesárea Évora, María Bethania, Marta Sánchez, Javier Álvarez, Silvio Rodríguez, Lenine, Fito Páez, Bebe, Miguel Poveda, Iván Ferreiro, Ismael Serrano, Quique González, Miguel Ríos, Luís Pastor, Paloma San Basilio, Amistades Peligrosas, Cómplices, etc.

No ano 1995 publica o seu primeiro disco en solitario, Golosinas, gravado en directo e no que se incluiría a canción "Contamíname", gravada anteriormente por Víctor Manuel e Ana Belén, pola que recibiría o Premio Ondas á mellor canción en 1994. Foi en 1997, grazas a Tan cerca de mí, cando o artista consolida a súa carreira musical coa canción "Debajo del puente". En 1998 compón a banda sonora da película Mararía, pola que recibe un nomeamento aos Premios Goya e o Premio da Música á Mellor Banda Sonora. En (1999) sae á luz Raíz, disco onde recupera sonoridades canarias. Séguelle Ofrenda (2001), coa colaboración de Lenine, Daniela Mercury e Julieta Venegas, e Hijas de Eva (2002), un traballo que fala da realidade da muller no mundo, contando coa colaboración de Silvio Rodríguez e Fito Páez.

En 2003, xunto co poeta Ángel González, grava o disco-libro La palabra en el aire e ambos realizan unha xira na que o poeta recita e o cantautor interpreta os poemas musicados no disco. Bolsillos (2004) é un disco só a guitarra e temas comprometidos. Nese mesmo ano participa no disco colectivo Neruda en el corazón, que celebra o centenario de Pablo Neruda poñendo música ao poema "Antes de amarte, amor" (Soneto XXV). No 2005 participa e coordina musicalmente o disco gravado en directo Contaminados, coas actuacións de Chico César, Javier Ruibal e Julieta Venegas.

Tras case catro anos de retiro, volve en 2008 co seu disco máis íntimo e familiar, Vidas, que terá a súa versión en directo, Vidas en vivo, coas colaboracións de Miguel Ríos, Luís Pastor, Quique González, Ismael Serrano e Bebe.

Xa en 2010, o artista homenaxea as cancións que marcaron a súa traxectoria musical con dous volumes de versións: Alma mía. Versiones. Volumen I e Contigo en la distancia. Versiones. Volumen II. De outubro de 2011 é El mono espabilado, coas colaboracións de Miguel Poveda e Iván Ferreiro.

Compartir: