TURISMO

Un grupo de expertos debate sobre o deseño dun sistema aeroportuario eficaz e eficiente

09/04/2013 A concelleira de Turismo e Economía, Reyes Leis, inaugurou no Cersia o Foro Aeroportuario de Galicia-Norte de Portugal, actividade organizada polo Clúster de Restauración, Hospedaxe e Turismo de Galicia en colaboración co Concello dentro do programa Santiago Investors Support.

O obxectivo deste Foro Aeroportuario é servir de espazo común para a reflexión e o intercambio de ideas e argumentos, dende un punto de vista técnico e empresarial, para orientar a toma de decisións en materia de política aeroportuaria e facer posible a internacionalización do sector turístico e da economía da Eurorrexión e a optimización das infraestruturas existentes.

O Foro conta como relatores con Javier Losada, consultor aeroportuario internacional e xerente da Área de Aeroportos de IDOM; Pablo Gómez, xerente do Clúster de Loxística, Mobilidade e Transporte de Galicia; Diego Otero, presidente da Asociación Galega de Axencias de Viaxes; Francisco Camino e Nicolás A. Rouco, bloggers especializados en turismo, viaxes e aeroportos; e Fernando G. Vieira, director do Aeroporto Sá Carneiro de Porto.

Tras as presentacións iniciais abriuse un debate e intercambio de ideas para afondar nos mecanismos que operan na relación entre o deseño e a planificación dun sistema aeroportuario eficaz e eficiente, a conectividade aérea e a internacionalización da economía e do sector turístico da Eurorrexión.

Compartir: