TURISMO

Xerusalén convida a Santiago a participar nun simposium internacional sobre peregrinacións verdes e accesibles

09/04/2013 Xerusalén acollerá o I Simposium internacional sobre peregrinacións verdes e accesibles, que se celebrará entre o 21 e o 26 de abril. Neste encontro participarán más de 600 profesionais de múltiples países e diferentes ámbitos, pero todos eles vinculados co desenvolvemento das rutas de peregrinación verde e accesible de todo o mundo.

O Concello de Xerusalén, unha das entidades organizadoras do evento, convidou o Concello de Santiago a participar nunha mesa redonda sobre rutas de peregrinación transfronteirizas e destinos, unha oportunidade para amosar a importancia do Camiño de Santiago e os atractivos turísticos de Santiago ás máis das 600 persoas asistentes.

Na mesa redonda, a primeira tenente de alcalde e concelleira de Turismo de Santiago, Reyes Leis, estará con representantes de camiños de peregrinación de Armenia, Nepal, Sri Lanka e a propia Xerusalén. Trátase dun panel no que estarán representadas rutas de peregrinación de diferentes relixións e con perspectivas moi distintas respecto ao desenvolvemento das rutas e dos destinos.

O Simposium ten por obxectivos amosar estratexias de desenvolvemento para conseguir un desenvolvemento social e económico sostible nas rutas de peregrinación e nos seus destinos, xerar un intercambio de coñecementos e experiencias de éxito e estimular un turismo respectuoso co medio ambiente, inspiracional e espiritual.

Pola propia composición tanto do programa de relatores, como polo número e diversidade de asistentes, trátase dunha oportunidade única para Santiago para poder establecer contactos e intercambiar experiencias e coñecementos con múltiples destinos que son tamén puntos finais de rutas de peregrinación.

O encontro será tamén unha oportunidade para manter contacto con diversos axentes turísticos e touroperadores, e mesmo para formular posibles sinerxias aproveitando a nova conexión de Turkish Airlines con Estambul, xa que a compañía ten tamén un voo directo entre a cidade turca e a cidade israelí de Tel Aviv.

Compartir: