NORMALIZACIÓN LINGÜÍSTICA

Aberto ata o luns 15 o prazo para a presentación de propostas no I Concurso de Proxectos de Publicidade Comercial

09/04/2013 O Concello de Santiago de Compostela, a través da Concellaría de Normalización Lingüística, convocou o I Concurso de Proxectos de Publicidade Comercial, baixo o lema "Brilla con novas ideas, en galego". Trátase dunha iniciativa pioneira coa que persegue achegar un incentivo para a galeguización tanto das empresas como dos establecementos comerciais e hostaleiros da cidade, ao mesmo tempo que pretende engadir valor e rendemento ás iniciativas publicitarias a través da intervención dos profesionais da comunicación publicitaria. O prazo de presentación de proxectos remata o luns 15 de abril.

Este concurso de ideas persegue que o galego e a comunicación publicitaria sexan unhas ferramentas útiles, permitíndolles ás empresas que demostren a súa proximidade e adaptación ao público ou clientes aos que se dirixen; marcar os seus produtos e servizos cun sinal de identidade propio, e así diferenciarse nun mercado cada vez máis globalizado.

Con esta nova proposta, a Concellaría de Normalización Lingüística continúa na súa liña de actuacións cumprindo o recollido no Plan Xeral de Normalización Lingüística, avanzando na implantación da oferta positiva nas relacións comerciais, na adopción do galego como lingua de contacto inicial entre empresa e cliente.

Quen pode participar e prazos
Poderán participar no concurso tanto empresas como profesionais do deseño e da comunicación, que deberán presentar un proxecto orixinal dirixido a publicitar un establecemento comercial, hostaleiro ou empresarial, ou ben un grupo de establecementos ou unha asociación do sector que formen parte do tecido socioeconómico compostelán.

A campaña de publicidade poderá deseñarse para calquera soporte e sistema de distribución. Por outra parte, serán os participantes os que xestionen, pola súa conta, a execución do proxecto gañador e obteñan, para iso, os acordos necesarios coa empresa ou empresas obxecto da campaña publicitaria.

O prazo para formalizar a participación no concurso no Rexistro Xeral do Concello remata o 15 de abril. Para máis información, e coñecer polo miúdo as bases deste concurso, os interesados poden facelo a través da web municipalweb municipal ou interactuar nas redes sociais, Facebook: Concurso de proxectos de publicidade comercial en galego; ou en Twitter: @novas_ideas.

Direcciones relacionadas



Compartir: