TURISMO

O Cersia acolleu a terceira reunión de traballo do grupo de promoción turística dos concellos da Área de Santiago

09/04/2013 A concelleira de Turismo de Santiago, Reyes Leis, participou na terceira reunión técnica do grupo de traballo para o desenvolvemento e promoción turística conxunta dos concellos da área de influencia directa de Santiago.

O grupo está composto actualmente por 17 Concellos da Área de Santiago. Os concellos son: A Estrada, Ames, Boqueixón, Brión, Melide, O Pino, Oroso, Padrón, Rois, Santiago, Silleda, Teo, Touro, Trazo, Val do Dubra, Vedra e Vila de Cruces. Entre todos os municipios suman preto de 250.000 habitantes.

As dúas primeiras reunións do grupo celebráronse no pasado mes de marzo no Pazo de Raxoi. Os seus obxectivos foron analizar as vantaxes e posibilidades de colaboración entre os concellos da área no aproveitamento e promoción dos recursos e atractivos turísticos propios, coa intención de desenvolver proxectos conxuntos cun obxectivo dobre: captar a novos turistas para a área de Santiago e aumentar a estadía media na zona.

Tras unha primeira análise dos atractivos e recursos dos concellos da Área de Santiago e dado o número de integrantes, decidiuse a creación de comisións técnicas para facer máis operativo o grupo e analizar polo miúdo as posibilidades de ámbitos de interese.

As tres primeiras comisións que se crearon foron: A pesca e os ríos, concibidos como un recurso turístico no que a área de Santiago ten capacidade para converterse nun referente; Gastronomía, tanto polos produtos característicos da área como as celebracións gastronómicas que se celebran nos concellos; e Paquetes, concibida para promover ofertas combinadas para os turistas, aproveitando os diferentes recursos da zona e prestando especial atención ás familias.

Posteriormente, iranse creando novas comisións para estudar outras temáticas de interese evidente para a Área de Santiago, como a dos Camiños de Santiago ou o aproveitamento das múltiples rutas de sendeirismo que hai na zona.

Na reunión tamén se presentou un borrador de protocolo de colaboración, que formalizaría a unión entre os concellos participantes no grupo. O obxectivo é que este protocolo se poida asinar polos alcaldes dos concellos no vindeiro mes, logo de que cada concello achegue as súas propostas concretas.

Compartir: