VIVENDA

Marrozos acolle un novo e singular concepto de espazo habitable

05/06/2006 O alcalde de Santiago, Xosé A. Sánchez Bugallo, participou na presentación do proxecto arquitectónico "Novos Espazos Habitables", unha singular proposta que pretende aproveitar os contedores de transportes marítimos para convertelos en vivendas ou oficinas. A Decoita, en Marrozos, foi o lugar elixido para depositar por en marcha estas construcións, que conxugan a estética contemporánea coa funcionalidade e a integración ambiental.

Os contedores marítimos atopan un novo uso grazas a estes espazos, que apostan por la innovación nos sistemas de construción e de deseño de edificacións. Ao mesmo tempo, redúcense os custos, tanto na propia construción das vivendas ou oficinas, como no seu acondicionamento interior, pola utilización de materiais pouco deformables e de revestimentos que carezan no posible de revisións periódicas. Algo semellante acontece co consumo enerxético, xa que estes espazos pretenden ser son totalmente autónomos con enerxías renovables eólicas e solares.

Grandes vidrieiras, portas deslizantes e un mobiliario moderno acordes co conxunto son algunhas das características destes peculiares espazos. Pero a idea continúa a desenvolverse e o equipo de Arquitectos Asociados, promotor desta idea e que agora utiliza este lugar como taller de investigación, continúa a traballar na mellora da habitabilidade destes espazos.

Compartir: