COMERCIO

Os clientes poden votar a través de internet as categorías de Comercio de Barrio e Comercio Agarimo nos Premios do Comercio

06/04/2013 Os Premios do Comercio Compostelán 2013, convocados pola Concellería de Comercio, quere recoñecer o traballo e o esforzo dos pequenos comerciantes da cidade. En dúas das categorías do certame, "Comercio de Barrio" e "Comercio Agarimo", os gañadores serán elixidos mediante votación popular a través da web do concurso: www.santiagocomerciodecine.com, onde se pode consultar toda a información dos premios. Os veciños e veciñas poden seguir votando estas categorías. Nas outras catro categorías, nas que o triunfador determinarao o xurado, xa hai tamén nominados en todas. Os galardóns entregaranse o 23 de maio nunha recepción no Concello.

Na categoría de Comercio de Barrio, xa teñen votos a día de hoxe os establecementos Como Pez en el Agua, Equisol Comercio Xusto, Sumelec Galicia, Doce, Mokasu Abalorios, Conchi Penedo Fogar, Fílmate Estudio Fotográfico, Trisquel Artesanía, A Reixa Tenda, Drmortiis Tatoo Clinic, Ela Diz e Lejano Sur. Optan xa ao premio Comercio Agarimo: Ela Diz, Mokasu Abalorios, Como Pez en el Agua, Peluquería Bernardo Nogueira, Trisquel Artesanía, Conchi Penedo Fogar, Óptica Pontecastro, Doce, Fílmate Estudio Fotográfico, Lejano Sur, Batiskafo, Bulideira, Judyth, Libreria Encontros, Medialúa, Óptica Tábora (Novalux), Papelería Espinosa e Peluquería Milenio.

As categorías desta edición 2013 dos Premios ao Comercio Compostelán son:

Comercio de Barrio: terase en conta aqueles comercios que destaquen pola súa proximidade nos barrios e por prestar ese valor engadido de proximidade e trato personalizado nas compras do día a día. O comercio gañador no 2012 foi Tórculo Artes Gráficas.

Comercio Agarimo: premiarase ao comercio que sobresaia pola súa esmerada atención ao cliente e servizo post-venda. En 2012 obtivo o recoñecemento Como Pez en el Agua.

Comercio Innovación: recoñeceranse as innovacións aplicadas polos comercios nos seus respectivos sectores, tanto a nivel da calidade visual dos estabelecementos coma polos produtos ofertados. O premiado en 2012 fora Pastelería Doce.

Comercio Veterano: recoñecerase o traballo deses pequenos comercios familiares que desenvolven o seu labor dende hai anos demostrando a súa capacidade de permanencia e adaptación aos novos tempos. O comercio gañador da anterior edición fora Mercería Hermosinda Corzón.

Comercio Emprende: valorarase o espírito emprendedor dentro do comercio local, apreciando cuestións como a idade do promotor, o tipo de negocio, a capacidade de xeración de emprego ou a diferenciación e iniciativas de éxito.

Comercio Activo: teranse en conta aquelas iniciativas de asociacións ou grupos e comerciantes que destaquen por promover a dinamización do comercio local. O xurado valorará actuacións de apoio ao comercio, o número de comercios agrupados e a orixinalidade das iniciativas.

Os gañadores dos premios de "Comercio de Barrio" e "Comercio Agarimo" elixiranse mediante votación popular a través da web do concurso. Os outros catros serán elixidos por un xurado composto por representantes do Concello, as Asociacións Comerciais, a Cámara de Comercio, a Asociación de Consumidores e o Mercado de Abastos.

Os gañadores recibirán unha figura conmemorativa. Para a creación desta figura convocouse tamén un concurso dirixido aos artesáns composteláns inscritos no rexistro da Fundación Centro Galego da Artesanía e do Deseño. O Xurado estará formado por representantes do Concello, a Fundación Centro Galego da Artesanía e do Deseño e das asociacións comerciais.

Compartir: