CULTURA

A Banda Municipal e o Conservatorio Profesional de Música de Santiago de Compostela únense nun concerto especial

05/04/2013 O director-xerente do Auditorio de Galicia, José Víctor Carou presentou o concerto conxunto que a Banda Municipal e o Conservatorio Profesional de Música de Santiago de Compostela ofrecerá no Teatro Principal o domingo 7 de abril, ás 12:00 horas. As entrada para este concerto especial é de balde ata completar aforo e previa retirada de localidades na billeteira do Principal, aberta venres e sábado de 18:00 a 21:00 horas e o domingo a partir das 11:00 horas.

A Banda Municipal de Música de Santiago achega a música a todos os composteláns e visitantes. A programación que presenta pretende recoller todos os gustos e estilos musicais propios das formacións bandísticas, potenciando especialmente a música galega. Este domingo 7 de abril, a Banda estará acompañada, nun concerto extraordinario, por alumnos do Conservatorio Profesional de Música de Santiago, unha cita imprescindible para os amantes da música que xorde da colaboración entre estas dúas entidades.

Sumaranse a este concerto 25 alumnos de todo grao profesional do Conservatorio, alumnos de vento, madeira, metal, percusión e un contrabaixo que fixeron ensaios previos con músicos da Banda. Unha inversión de futuro de dobre dirección, xa que os alumnos poden coñecer como funciona unha banda profesional.

A Banda Municipal de Música, sempre presente neste tipo de colaboracións, e o Conservatorio Profesional de Santiago, convida nos cidadáns a participar neste concerto, onde se darán cita a profesionalidade, a ilusión, e a paixón pola música. Unha colaboración que se pretende ampliar e mellorar, segundo indicaron na rolda de prensa Alejandra Escolante e Miguel Ángel Fariña, vicedirectora e director do Conservatorio Profesional; e X. Carlos Seráns, director da Banda Municipal de Música.

Programa

I parte

Ponteareas (p.d.), R. Soutullo
For Natalie, J. Barnes
Nazca Lines, S. Yagisawa

II Parte

Suite on Celtic Folk Songs, T. Tatebe
La Colombe, Ch. Gounod
Symphonic Variations,J. Barnes

Compartir: