CULTURA

O Outlet do Libro galego ofrece a oportunidade de mercar títulos xa desaparecidos das tendas dende 3 euros

05/04/2013 O alcalde compostelán, Ángel Currás, presentou o Outlet do Libro Galego, que se celebrará na sede da Fundación Caixa Galicia (rúa do Vilar) do 6 ao 14 de abril, en horario de 11:00 a 14:00 e de 17:00 a 21:30 horas. Esta iniciativa ofrece unha nova oportunidade comercial para moitos títulos de gran valor do catálogo das editoriais galegas que, neste momento, están fora dos circuítos comerciais convencionais.

Ángel Currás destacou esta posibilidade de adquirir libros a un baixo prezo "nestes tempos de crise nos que se compran e se len cada vez menos libros". Os prezos deste Outlet, serán os seguintes: 1 libro, 3 €; 3 libros, 5 €; e 5 libros, 10 €. As obras singulares venderanse a 10 e 15 € a unidade. 17 editores estarán presentes nesta feira.

Na rolda tamén estiveron, Belén López, vicepresidenta da Asociación Galega de Editores; Xulio Amigo, responsable da comisión de promoción do libro desta Asociación; e Antón Pedreira, vicepresidente da Asociación de Libreiros de Santiago. Da colaboración deste libreiro compostelán, da devandita Asociación Galega de Editores e do Concello xorde este Outlet do Libro Galego, que quere abrir unha nova canle de comercialización que poña en contacto estas obras de contido variado cun público que ten grande interese en coñecer esta oferta.

Tras unha experiencia inicial en 2012 en Allariz e Pontevedra, o Outlet chegará, logo de Santiago, a outras cidades galegas: do 20 ao 28 de abril en Pontevedra, do 4 ao 12 de maio en Ourense, do 18 ao 26 de maio en Valdeorras e do 1 ao 9 de xuño en Lugo.

Compartir: