NORMALIZACIÓN LINGÜÍSTICA

Cinco equipos de institutos composteláns participarán os días 5 e 6 de abril na final da fase comarcal do Club de Debate

04/04/2013 Un total de 114 estudantes e 11 profesores/as dos institutos de Santiago de Compostela, Ames, Rois, Padrón e Teo participarán na competición comarcal que se desenvolverá este venres 5 e o sábado 6 de abril na Casa da Cultura de Bertamiráns. De aquí sairá o equipo que representará á comarca na final galega, que terá lugar en Santiago o 4 de maio.

Os rapaces e rapazas terán que falar sobre se as redes sociais favorecen a comunicación e a relación entre as persoas. Previamente, no pasado mes de decembro, realizouse unha xornada de formación na Casa Común dos Tilos (Teo), na que prepararon a devandita final da fase comarcal.

O Club de Debate é unha iniciativa impulsada dende os servizos de Normalización Lingüística municipais na que participan os concellos de Santiago, Ames, Carballo, Cee, Ferrol, Pontevedra, Ourense, Rois, Teo e Vigo. Esta iniciativa, posta en marcha durante o curso pasado tivo moi boa acollida dentro da comunidade escolar.

Nesta fase do Club de debate participarán un total de 13 equipos de institutos dos concellos de Santiago de Compostela, Ames, Rois, Padrón e Teo. Está confirmada a asistencia de cinco equipos dos centros composteláns IES Rosalía de Castro, IES Antonio Fraguas e do Colexio Compañía de María; 4 equipos do IES de Ames; 1 equipo do CPI Plurilingüe dos Dices de Rois; 2 equipos do IES Camilo José Cela e do IES Macías O Namorado de Padrón, e 1 equipo do IES de Cacheiras (Teo).

Funcionamento do debate
Nos debates enfrontaranse dous equipos integrados por entre 6 e 10 persoas, representando un centro escolar. Ademais é indispensable a presenza dun preparador ou dunha preparadora, que non poderá participar no debate. Nos debates, os equipos participantes defenderán posturas opostas: un equipo defenderá a postura a favor e o outro, a postura en contra. A postura que deberá adoptar cada equipo decidirase por sorteo.

O venres 5 de abril, ás 9:00 horas, realizarase a presentación e recibimento dos equipos e ás 9:30 horas comezará o primeiro dos debates. Na presentación da final da fase comarcal estará presente unha representación do Goberno municipal de todos os concellos participantes. A xornada do venres rematará as 20:30 horas. Serán debates abertos ao público para que quen queira poida achegarse á Casa da Cultura e velos en directo. O sábado, os debates comezan ás 9:30 h. e rematan ás 13:45 horas. Todos os equipos participarán en dous debates de xeito que poidan defender a postura en favor e en contra.

Composición do xurado
O xurado estará integrado por Iván Arias Balsa e Ánxela López Leiceaga (ambos os dous xurista); Olga Patiño Abeixón (lingüista e profesora); María Carme Pereiro Felípez (técnica de normalización); e Iván Pereira Cutrín (xornalista). Tal como especifica o regulamento do Club de Debate, para a súa elección tívose en conta a súa formación e experiencia académica en actividades relacionadas coa oratoria, a comunicación, a lóxica, etc.

O xurado decidirá en cada debate cal foi o equipo que defendeu con máis solvencia a súa tese, e iso será posto por escrito na acta de debate. Para isto, cada xuíz ou xuíza deberá avaliar todos os criterios e recoller a puntuación individualizada e conxunta no formulario que se porá ao seu dispor, achegándoo á acta do debate.

Entrega de premios
O equipo gañador deste primeiro enfrontamento participará na fase final que se celebrará en Santiago de Compostela o 4 de maio. A entrega de premios terá lugar o sábado 6 de abril, ás 14:00 horas, na Casa da Cultura de Bertamiráns. Concederase un premio ao equipo gañador e outro ao finalista das fases comarcais. Os premios consistirán en material cultural en galego por valor de 500 euros (primeiro clasificado) e 300 euros (segundo clasificado). O premio para o equipo gañador da fase final galega consistirá nunha viaxe de fin de semana, para un máximo de 25 persoas, con contidos culturais que contribúan aos obxectivos deste proxecto.

A participación no Club de Debate busca incentivar entre os máis novos/as o emprego da lingua, traballar a fluidez comunicativa a través da oratoria ademais de incitar o pensamento crítico e a tolerancia. Está dirixido aos escolares de 3º e 4º da ESO ou 1º de Bacharelato.

Compartir: