MEDIO AMBIENTE

O alcalde amósase partidario de manter a xestión pública do Refuxio de Bando si se asegura a súa viabilidade económica

03/04/2013 O alcalde compostelán, Ángel Currás, e a concelleira de Medio Ambiente, María Pardo, visitaron o Refuxio de Animais de Bando, tras a reunión que recentemente mantiveran en Raxoi cos seus voluntarios. Inspeccionaron as instalacións e analizaron os seus principais problemas, que na actualidade pasan sobre todo polo seu financiamento.

Ángel Currás amosouse partidario de manter a xestión pública do Refuxio de Bando, sempre que sexa posible asegurar a súa viabilidade económica. Neste sentido, indicou que se intentarán buscar outras fórmulas de financiamento, destacando tamén que unha xestión privada suporía probablemente un maior número de eutanasias, algo que non considerou desexable en ningún caso.

O alcalde recordou a mingua financeira provocada pola retirada das achegas dos concellos de Ames e Boqueixón, o que supuxo unha redución de ingresos duns 100.000. Na actualidade, só participan na Fundación Refuxio de Animais os municipios de Santiago, Vedra e Teo. O Refuxio conta cun ornamento anual duns 300.000 euros, dos que o Concello de Santiago achega 150.000.

Ademais da busca de achegas financeiras que permitan manter a xestión pública, o rexedor tamén apostou por seguir promovendo a adopción de animais, xa que na actualidade unicamente son adoptados o 50% dos animais que ingresan no recinto (uns 900), se ben tamén funcionan outras fórmulas como o acollemento ou o apadriñamento. Neste sentido, a responsable do Refuxio, Paloma Aguirre, recordou que a capacidade do Refuxio é duns 450 animais.

Nesa primeira visita como alcalde ao recinto, Ángel Currás tamén quixo felicitar aos traballadores e voluntarios do Refuxio polo seu labor, "que fai este Refuxio diferente do doutras cidades".

Compartir: