CULTURA

"A fábúla galénica", "Frankenstein", "El Principito" e a RFG con Thomas Piel, programa de Infantil & Familiar para abril

03/04/2013 O director-xerente do Auditorio de Galicia, José Víctor Carou presentou a programación do ciclo Infantil & Familiar para o mes de abril, composta polas obras A fábula galénica, Frankenstein, El Principito e un concerto da Real Filharmonía de Galicia con Thomas Piel. As funcións serán no Teatro Principal, excepto a clásica coa RFG, que será no Auditorio de Galicia. Todas as entradas están á venda na billeteira do Teatro Principal e nos medios habituais.

Acompañou ao director do Auditorio na rolda Ignacio Vilariño, director e actor de Fantoches Baj, quen presentou o espectáculo A fábula galénica (domingo 7 de abril). Títeres de luva interpretan dentro dunha preciosa radio antiga unha divertida historia de absoluta actualidade que bebe dos contos populares. Narrado coma se dun programa de teatro radiofónico se tratase, cóntase como na comarca de Catasós ven reducidos os seus recursos polo desexo do Rei Don Cardo de construírse un castelo novo e desproporcionado. Isto obriga ao Burro Eduardo xunto coa raposa, o lobo e o regato a organizárense na súa loita contra o Rei para recuperar a vida da fraga e a súa contorna.

Tamén na rolda de prensa, P. Pablo Patiño, director e actor de Teatro dos Ghazafelhos, presentou o espectáculo Frankenstein (domingo 21 de abril). Frankenstein é unha aventura nas entrañas dun castelo onde dous científicos, a Dra. Mon Champignom e o Dr. Pe Arrepío, investigan se o lendario monstro Frankenstein existe ou non, e para iso cóanse dentro do castelo un día de tormenta e alí atopan a Igor, un estraño personaxe chepudo.

As dúas funcións serán no Teatro Principal ás 18:30 horas e as entradas están á venda a 5 euros cunha oferta de familiar de 4 entradas por 15 euros. Xaime López, de Urdime, fixo referencia a excelente acollida que nos centros escolares tiveron estas dúas propostas: A fábula galénica xa encheu as funcións escolares do luns 8 e o martes 9, e Frankenstein, que ten funcións o luns 22 e o martes 23, xa está practicamente completo.

José Victor Carou presentou tamén os dous espectáculos que completan en abril a programación de Infantil & Familiar. Así, a Real Filharmonía de Galicia, con Tomas Piel como vilolonchello, ofrecerán un concerto baixo o nome de O concerto para violencello de Gulda o sábado 27 de abril. ás 18:30 horas, no Auditorio de Galicia, con entrada a 5 euros. Tomas Piel é membro da Real Filharmonia de Galicia e ensina violoncello na Escola de Música Berenguela. Este concerto tamén se dirixirá aos centros educativos no Programa Didáctico o días 24 e 25 de abril, tamén no Auditorio.

Finalmente de novo no Teatro Principal, cita co teatro musical coa obra El Principito (domingo 28 de abril), unha adaptación de Saint- Exupéry da compañía Telón Tolón. Música orixinal, un coro de nenos e unha posta en escena chea de imaxinación e poesía, fan deste musical unha experiencia única para compartir en familia: os nenos aprenden a mirar as cousas cun pouquiño máis de profundidade e os maiores aprenden a ser nenos outra vez. Entradas á venda a 12 e 10 euros.

Compartir: