CULTURA

"Monólogos inocentes" con Manuel Manquiña e Luis Zahera no ciclo Falabaratos

03/04/2013 Manuel Manquiña e Luis Zahera traen ao ciclo Falabaratos o seu espectáculo Monólogos inocentes. A función será no Teatro Principal o xoves 4 de abril, ás 21:00 horas. As entradas están á venda na billeteira do Teatro Principal (aberta de 18:00 a 21:00 horas de martes a sábado) e en entradas.novagaliciabanco.es a 8 euros (5 euros no anfiteatro).

A crise económica, a televisión e a ciencia, o amor e a familia. todos os temas do noso tempo, tratados con humor e sarcasmo coa linguaxe descarada e intelixente de dous humoristas que non deixan a ninguén indiferente. A vida dun, a mala vida do outro. O guapo e o feo, o bo e o malo...pero ¿quen é quen? Humor ao borde do abismo, descarga emocional e alivio. Isto é Monólogos inocentes.

Manuel Manquiña comeza a súa carreira en programas de humor na TVG, pero sen ningunha dúbida o papel que o catapultou á fama foi o que interpretou en 1997 no filme Airbag. Polo coñecido Pazos, Manquiña conseguiu un nomeamento a un premio Goya ao mellor actor revelación. Na carreira deste galego son máis de 30 as películas nas que apareceu (Torrente, Atilano presidente, Sobrevivirei...). Esta actividade foina compaxinando coa interpretación e a dirección teatral. Agora Manquiña tamén se pasea polos escenarios dos mellores teatros, onde leva xa varios anos deixando sen butacas baleiras todas as prazas polas que pasa.

Luís Zahera saltou á fama polo seu papel de Petróleo na exitosa serie da TVG Mareas vivas. A partir dese momento a súa ascensión foi meteórica. Participou nalgunha das máis importantes películas do panorama nacional como a premiada Celda 211, Alatriste, Spanish movie, etc. Compaxinando a súa actividade no celuloide coa aparición en series da talla de O comisario, Piratas ou Hospital Central e a máis recente Sen tetas non hai paraíso, agora Luís decidiu emprender unha nova aventura profesional no mundo do humor.

Compartir: