URBANISMO

A reurbanización da rúa de San Pedro colocará a calzada e as máis amplas beirarrúas ao mesmo nivel

02/04/2013 Os concelleiros de Urbanismo, María Pardo, e da Brigada de Vías e Obras, Juan de la Fuente, presentaron o proxecto de reurbanización da rúa de San Pedro, para o tramo comprendido entre a Porta do Camiño e a praza de San Pedro. A obra contempla como principais novidades a situación da calzada e das beirarrúas nunha sección única, limitando o ancho da primeira e ampliando o espazo para o tránsito peonil.

Segundo explicou María Pardo, vaise dar "prioridade" aos peóns sobre o tráfico viario, se ben este se vai seguir permitindo. Trátase, dixo, de "crear un concepto de rúa amable para o peón e que invite a pasear por ela". Neste sentido, Juan de la Fuente salientou a imaxe máis "digna" que terá para o peregrino esta rúa, porta de entrada no Casco Histórico do Camiño de Santiago.

As beirarrúas, agora a distinto nivel e mesmo estreitas en exceso nalgún tramo, situaranse ao mesmo nivel que a calzada e gañarán en amplitude. Estas beirarrúas, construídas en granito, separaranse fisicamente da calzada mediante xardineiras, bancos e bolardos, segundo os tramos.

A ampliación das beirarrúas –que terán un ancho mínimo de 1,80 metros e contarán con tramos de ata 3 metros- realizarase a costa de reducir o ancho da calzada. Esta terá 3 metros, se ben o lastro ocupará só 2,5 metros, provocando un efecto de estreitamento que induza aos vehículos a circular con maior lentitude, indicou a edil.

Colocación dos lastros sobre formigón
Outra das novidades terá que ver coa colocación dos lastros, co fin de evitar os afundimentos que se veñen producindo dende hai anos. Realizarase unha base de formigón, na que descansarán directamente tanto os lastros da calzada como as lousas da beirarrúa. Ademais, nas tapas dos sumidoiros tamén se utilizará formigón, ao igual que nas zonas de carga e descarga, parada de autobús e prazas de minusválidos. Sobre estas últimas, destacou a situación das mesmas a carón da praza do 8 de marzo.

A actuación sobre este tramo da rúa de San Pedro aproveitarase tamén para construír as canalizacións que permitan nun futuro o soterramento dos diferentes servizo. Separaranse igualmente as redes de augas pluviais e fecais, aproveitando a existente para as primeiras e habilitando unha nova para as pluviais. Estas augas recolleranse e serán utilizadas para a limpeza.

Finalmente, realizarase unha reordenación da praza do 8 de marzo, eliminando algúns árbores e bancos, facendo deste xeito unha praza máis luminosa e aberta.

María Pardo estimou en dous meses o prazo no que a obra poida estar adxudicada. O proxecto sae a concurso cun orzamento de licitación de 495.000 euros e un prazo máximo de execución de nove meses. Non obstante, agarda que se produzan reducións deste prazo nas ofertas das empresas. Durante o tempo que duren as obras si será preciso que se corte o tráfico neste tramo da rúa, anunciou.

A concelleira descartou a intervención inmediata no tramo da rúa de San Pedro comprendida entre a praza de San Pedro e o Cruceiro de San Pedro, por considerar que está en bo estado, unha vez solucionados os afundimentos producidos nas áreas das tapas dos sumidoiros. Pola contra, estimou máis prioritario actuar na rúa dos Concheiros en canto haxa dispoñibilidade orzamentaria.

Virxe Branca
Nesta mesma rolda de prensa, María Pardo anunciou o inminente inicio das obras da rúa Virxe Branca, unha vez que estas foron adxudicadas por un importe de 157.213 euros e un prazo de execución dun mes e dez días. Indicou que xa está asinado o contrato e que confía en que se levante a acta de replanteo esta mesma semana.

Compartir: