ALCALDÍA

Xornada dedicada a Santiago de Compostela nas Festas de Pascua de Padrón

01/04/2013 A Corporación compostelá non faltou á súa cita co tradicional Día de Santiago nas Festas de Pascua de Padrón. O alcalde compostelán, Ángel Currás, encabezou a expedición que de desprazou ata a vila veciña.

A delegación compostelá foi recibida polo alcalde padronés, Antonio Fernández Angueira, e polo resto da Corporación da vila veciña. Despois do protocolario intercambio de bastóns de mando e de pendóns, os dous rexedores municipais lembraron os lazos entre Santiago e Padrón nun acto no salón de plenos. Ángel Currás asinou no Libro de Ouro.

Logo das intervencións, as Corporacións saíron a saudar os veciños e escoitar a interpretación do Himno de Galicia a cargo das bandas municipais de Santiago e Padrón. As dúas formación seguiron a continuación co seu concerto conxunto na praza de Macías.

A tradicional irmandade sentimental, histórica e cultural entre Santiago e Padrón afírmase tamén cada ano no Día de Padrón que cada ano se celebra no marco das Festas do Apóstolo. Estes dous días son sempre un bo motivo para reafirmar os lazos entre as dúas vilas, que se estenden tamén a ámbitos coma o turismo ou o medio ambiente.

Compartir: