EDUCACIÓN

Celebrada a primeira entrega de "Melomanía", programa de sesións didácticas para todos os públicos

26/03/2013 Co obxectivo de promover a educación musical entre os composteláns de todas as idades, a Escola Municipal de Música pon en marcha o ciclo de conferencias Melomanía. A primeira das sesións, celebrada na sede da EMM na Almáciga, xuntou os mestres de zanfona de Galicia.

Baixo o título de Melomanía, a Escola Municipal de Música pon en marcha una cita periódica para que todas as persoas amantes da música podan coñecer e afondar en aspectos fundamentais relacionados co desenvolvemento dun concerto e con diferentes centros de interese arredor dos diferentes estilos e agrupacións musicais. Estas sesións serán ofrecidas unha vez cada mes e calquera persoa interesada poderá descubrir e coñecer as cuestións que rodean unha actuación de música.

Nesta primeira sesión, que contou cunha nutrida asistencia, o profesor de zanfona da EMM de Santiago, Germán Díaz, desenvolveu unha documentada sesión informativa arredor da luthería dos instrumentos de manivela. Así mesmo, contouse coa participación do luthier Wolfang Weichselbaume, que deu a coñecer o proceso de recuperación da lira organizzata, un instrumento propio do século XVII, que recuperou neste século XXI o propio Weichselbaumer, con gran transcendencia entre os expertos e amantes da música.

As próximas datas do programa Melomanía serán os martes 23 de abril e 28 de maio, ás 18:30 horas, coa presenza de relatores de recoñecida traxectoria profesional. A sesión de abril xirará sobre a orquestra, tratando aspectos como: tipos de orquestras, a súa evolución ao longo da historia, os seu sistemas de funcionamento, programación ou os retos de futuro. A sesión de maio afondará no mundo da música de cámara, realizando un documentado percorrido dende os seus comezos, a súa evolución e as súas diferentes formacións e programas.

A Concellería de Educación convida o alumnado e cidadanía de Compostela a achegarse a esta nova proposta de difusión e promoción da música, un dos obxectivos que sustentan a creación da Escola Municipal de Música de Santiago de Compostela.

Compartir: