EDUCACIÓN

Novo recoñecemento para "Bandada", o libro gañador do V Premio Internacional Compostela de Álbums Ilustrados

26/03/2013 Bandada, o libro gañador do V Premio Internacional Compostela de Álbums Ilustrados, que cada ano convoca o Departamento de Educación do Concello de Santiago e a Editorial Kalandraka, foi incluído na prestixiosa selección The White Ravens 2013, que realiza a Biblioteca Internacional da Xuventude (Internationale Jugendbibliothek) de Munich (Alemaña).

Bandada, a obra coa que os mexicanos María Julia Díaz Garrido e David Daniel Álvarez Hernández gañaron o V Premio Internacional Compostela de Álbums Ilustrados, é un dos nove libros escollidos en España pola devandita institución xermana. O álbum foi publicado pola Editorial Kalandraka en castelán, galego, catalán, euskera e portugués.

Esta selección -que se está a presentar na 50ª Feira Internacional do Libro Infantil e Xuvenil de Boloña (Italia), do 25 ao 28 de marzo- componse dun total de 250 títulos publicados en distintos países e en linguas diversas. Un comité de expertos en literatura infantil e xuvenil analiza a produción editorial en base a criterios como a temática, a innovación artística, o estilo literario ou o deseño.

Dende a Internationale Jugendbibliothek referíronse a Bandada como un álbum "impresionante" sobre a historia da civilización, tomando como protagonistas simbólicos a un conxunto de aves humanizadas. Trátase dun relato que propón unha profunda reflexión sobre o desenvolvemento dunha sociedade que inicialmente busca o coñecemento, o progreso científico e o benestar, pero que co tempo perverte os seus principios, xera violencia e dominación dos fortes sobre os débiles.

As ilustracións detallistas, realizadas coa técnica do grafito, destacan por xerar unha atmosfera de "quietude perturbadora, melancolía e desilusión", segundo os expertos desta entidade.

Bandada súmase a outro título que xa figura na lista do ano pasado, O camiño de Olaj, de Martín León Barreto, galardoado tamén co Premio Compostela, que resultou seleccionado na convocatoria de 2012.

Compartir: