ALCALDÍA

O alcalde explicou aos representantes veciñais de Conxo a emenda aos orzamentos do Estado que desbloquea a obra do túnel

25/03/2013 O alcalde compostelán, reuniuse en Raxoi coas asociacións de veciños Conxo Aberto, Esperta Conxo e Doutor Maceira. Ángel Currás explicoulle aos representantes veciñais a emenda introducida nos orzamentos do Estado, que permitirá desbloquear definitivamente a obra do túnel de Conxo, fundamental para a axilización do tráfico nesta entrada á cidade.

O rexedor santiagués comunicoulles que a emenda permitirá cambiar as partidas económicas previstas para 2013 e 2014. As cantidades inicialmente previstas, 100.000 euros para 2013 e 350.000 euros para 2014 pasan agora a 2 e 5 millóns de euros, respectivamente.

Esta variación das cantidades previstas para o proxecto do túnel de Conxo responde á petición do alcalde á ministra de Fomento, Ana Pastor, e permitirá axilizar esta infraestrutura. Ángel Currás anuncioulles que agora o esforzo municipal se centrará en urxir a Fomento para que axilice a obra, tendo en conta tamén que o proxecto xa está redactado. Así, unha vez que xa hai dispoñibilidade orzamentaria, confía en que a obra poida comezarse neste mesmo ano 2013. Para 2015 quedará unha partida de 200.000 euros, polo que o custe total da intervención alcanzará os 7,2 millóns de euros.

Ángel Currás coincidiu cos representantes veciñais na necesidade deste túnel para aliviar a conxestión de tráfico nesta zona da cidade, pola que cada día pasan uns 70.000 vehículos. E sobre a solución temporal da prohibición do xiro na glorieta á esquerda para os vehículos procedentes de Conxo e do Hospital Provincial, indicoulles que os estudos de tráfico reflicten que está permitindo unha fluidez importante. En base a eses mesmos datos, descartou a apertura do xiro polas retencións que provocaría na zona en horas punta, tal como sucedía anteriormente. Recoñeceulles aos veciños o prexuízo para eles do peche do xiro, pero resaltou que a súa apertura traería máis dificultades que beneficios no que ao tráfico se refire.

Na reunión tamén participaron os responsables das áreas de Desenvolvemento Urbano e Sostible, María Pardo; de Seguridade e Mobilidade, Luis Bello, e de Participación Cidadá, Francisco Noya.

Compartir: