TURISMO

Os hoteis da cidade poderán integrar ferramentas web de Turismo de Santiago para ofertar servizos de balde aos usuarios

22/03/2013 A concelleira de Turismo, Reyes Leis, e a xerente de Turismo de Santiago, Maruxa Ledo, presentaron os novos servizos web que a empresa municipal de promoción turística porá gratuitamente a disposición dos aloxamentos da cidade para que nas súas propias páxinas web poidan ofertar servizos complementarios aos seus usuarios.

Na actualidade, a presenza eficaz en Internet é unha necesidade no sector turístico, tanto para os destinos como para os propios aloxamentos. Por exemplo, no ano 2012, o 53,6% dos turistas que viñeron a Santiago organizaron a súa viaxe pola súa conta a través de Internet, segundo o Estudo da Caracterización da Demanda Turística de Santiago, elaborado polo Cetur. Así, un dos obxectivos de Turismo de Santiago é reforzar o posicionamento da cidade en Internet, ofrecendo servizos de utilidade para os turistas.

Actualmente, Turismo de Santiago conta cunha páxina web con contidos dispoñibles en sete idiomas, www.santiagoturismo.com. Esta páxina web tivo no ano 2012 máis de medio millón de visitas, que sumaron preto de tres millóns de páxinas vistas. Estas cifras amosan a importancia da web como ferramenta promocional da cidade, xa que concentra a información turística relevante: atractivos da cidade, servizos turísticos, ofertas complementarias, axenda cultural e incluso unha central de reservas para que os usuarios poidan reservar directamente nos aloxamentos da cidade.

Grazas a un novo desenvolvemento tecnolóxico, os aloxamentos da cidade poderán integrar nas súas propias páxinas web ferramentas da web de Turismo de Santiago, sen ningún tipo de custo para eles nin para os seus usuarios. As posibilidades de integracións son variadas en función tanto dos intereses de cada aloxamento como do seu desenvolvemento tecnolóxico actual. Pero a integración farase sempre dentro da páxina web do aloxamento, dun xeito personalizado, de tal xeito que o internauta non terá que saír desta páxina, prestándoselle así un servizo rápido e útil.

A partir de agora, os aloxamentos da cidade interesados poderán ter nas súas páxinas web acceso a axenda cultural de Turismo de Santiago, actualizada diariamente cos eventos que teñen lugar na cidade. Este acceso farase mediante un widget interactivo, que tamén poderá integrar a posibilidade de reservar oferta complementaria da cidade, como por exemplo visitas guiadas ou audioguías. Tamén poderán integrar un motor de reservas, de tal xeito que o usuario poda facer xa a reserva no aloxamento e consultar e reservar a oferta complementaria que lle interese.

Aqueles establecementos que actualmente carecen de páxina web ou non teñen unha que lles satisfaga, poderán contar cun minisite completo, desenvolvido gratuitamente a partir destas ferramentas de integración. Este minisite terá unha descrición do hotel, cunha galería de imaxes e datos de contacto, un sistema completo de reservas a través de Internet, a axenda cultural da cidade e a oferta complementaria.

Compartir: