CULTURA

Omar Argentino Galván presenta "Solo de impro" no ciclo Teatro & Danza

22/03/2013 Omar Argentino Galván, un clásico internacional en improvisación, presenta Solo de impro dentro do ciclo Teatro & Danza. Será o domingo 24 de marzo, ás 20:00 horas, na Zona C.

Un paseante cre lembrar, pero en realidade improvisa, historias a partir das frases escritas nos papeis que leva pegados no seu vestiario. As micro-obras vanse relacionando entre si por un fío condutor que xorde das mesmas improvisacións, chegando a un final onde todo conflúe nun universo que revela os motivos que moven a este personaxe itinerante.

A montaxe propón unha lectura particular da improvisación, cargada de poesía en movemento, realismo máxico e un enorme efecto bolboreta como nexo argumental entre as historias. Humor elegante, e máis.

O unipersoal Solo de impro (Galván só é acompañado por un músico) explora algúns xéneros e estilos nunca antes visitados polo teatro de improvisación, como García Márquez, Kafka, Divina Comedia, Borges, Cortázar, Bíblico, Xeración Beat, e moitos máis.

Omar percorreu os máis prestixiosos festivais e pasado por máis de doce países (México, Honduras, Chile, Costa Rica, Brasil, etc., incluíndo Italia, en italiano, e Holanda, en inglés). Nas súas xiras acompáñano músicos autóctonos con experiencia en improvisación ou simplemente músicos invitados.

Prezo das entradas: 5 euros.
Puntos de venda: Billeteira do Teatro Principal, aberta de martes a sábado (+ días de evento) de 18:00 a 21:00 horas. Os días que hai evento no Teatro, a venda anticipada remata ás 20:00 horas e só se venden entradas para o espectáculo dese día. Teléfono da billeteira: 981 542 349

Compartir: