DEPORTES

O I Trofeo Atletismo Fontes do Sar reunirá 600 escolares no estadio da Universidade

22/03/2013 O concelleiro de Deportes, Adrián Varela, acompañado polo presidente do Club Atletismo Fontes do Sar, José Antonio Juanatey, presentou o I Trofeo Atletismo Fontes do Sar, que se disputará o sábado 23 de marzo, a partir das 9:30 horas, no estadio de atletismo da Universidade. Serán probas en pista para escolares e servirán para realizar un control federado de marcas.

Neste Trofeo poderán participar soamente atletas federados. No caso da categoría prebenxamín (categoría non oficial) soamente poderán participar os clubs da área da Delegación de Santiago. Haberá control de marcas en probas de lanzamento de peso e salto de lonxitude, e en carreiras de 50, 80, 100, 300, 500 e 600 metros, segundo as categorías de idade. Tamén se realizarán probas de 800 e 3.000 metros para veteranos. Nesta última carreira, indicou Juanatey, hai máis de 40 inscritos.

Uns 600 nenos e nenas entre 6 e 16 anos están inscritos nas diferentes probas. Haberá un control de marcas, o que lles permitirá obter aos rapaces tempos oficiais cos que participar en calquera proba nacional, segundo apuntou o presidente do Club.

Os tres primeiros clasificados de cada proba recibirán medalla conmemorativa. Ademais, entregaráselles un cheque regalo, cortesía de Intersport Amancio, por importe de 200, 125 e 75 euros aos equipos de categorías escolares (prebenxamín a cadete).

Club Fontes do Sar
O concelleiro de Deportes explicou a xestación deste Club Atletismo Fontes do Sar, nado da unión dun grupo de amigos que se xuntaban para correr no entorno do Multiusos de Sar. Na actualidade, xa conta con máis de 100 corredores. Ademais, dispón duna Escola de Atletismo no Estadio de San Lázaro con 50 nenos e nenas e "lista de espera para o ano que vén", apuntou José Antonio Juantey.

Adrián Varela destacou este labor formativo do Club e tamén a súa implicación competitiva. Diso dan mostra, segundo dixo, a súa participación en carreiras como as do circuíto CorreSan, a Carreira Pedestre e outras probas populares e de cross.

Os integrantes do club, dende prebenxamíns ata veteranos, realizaron na xornada do xoves, na praza do Obradoiro, unha gran foto de familia.

Direcciones relacionadas



Compartir: