CONSORCIO

A Semana Santa de Santiago acollerá a ruta dos "Espazos para a reflexión"

21/03/2013 Varias igrexas históricas de Santiago manterán durante a Semana Santa un amplo horario de apertura, polo que os veciños e visitantes poderán percorrelas creando unha ruta pola arte e a historia destes templos e das confrarías que neles teñen as súas sedes.

Enmarcado na programación deseñada con motivo do Festival de Músicas Contemplativas, a próxima Semana Santa acollerá a iniciativa Espazos para a reflexión. Trátase dunha proposta cultural que vai permitir coñecer varias igrexas históricas da cidade que, durante días, abrirán as súas portas nun amplo horario, de maneira que se poida coñecer mellor a súa historia e as obras de arte que acollen nos seus interiores.

Neste sentido, editouse un plano coa localización destas igrexas, os seus horarios e unha pequena reseña histórica. Tamén se inclúen os concertos do Festival de Músicas Contemplativas que nelas teñen lugar. Os planos están dispoñibles gratuitamente na oficina de Turismo de Santiago (rúa do Vilar, 63).

En total serán case 20 igrexas, pertencentes a diferentes parroquias e conventos, as protagonistas deste proxecto: Santa María do Camiño, San Bieito, As Ánimas, San Fiz, San Frutuoso, Colexiata de Sar, San Domingos de Bonaval, Santa María de Conxo, San Francisco, San Martiño Pinario, Santa María Salomé, San Miguel, Santo Agostiño, Santa Clara, San Roque, Igrexa do Convento do Carme, Orfas, Nosa Señora do Portal e San Paio.

Espazos para a reflexión forma parta da sétima edición do VII Festival de Músicas Contemplativas. Está organizado polo Concello de Santiago en colaboración co Consorcio de Santiago, e conta co apoio do Ministerio de Educación, Cultura e Deporte. Ademais, as localizacións dos concertos e a apertura das igrexas son posibles grazas á colaboración do Arcebispado de Santiago, o Seminario Maior Compostelán, a Orde Franciscana, o Museo do Pobo Galego e a Universidade de Santiago. Tamén conta coa colaboración especial de Turismo de Santiago.

Documentos relacionados



Compartir: