XUNTA DE GOBERNO

Aprobado o proxecto de cubrición da bancada do campo de fútbol do SERGAS

21/03/2013 A Xunta de Goberno municipal, na súa sesión ordinaria, aprobou a obra de cubrición da bancada do campo de fútbol de San Lázaro (SERGAS). Ademais, deuse o visto bo á adaptación do convenio colectivo dos traballadores municipais á normativa estatal neste ámbito.

O Goberno local aprobou o proxecto presentado polo arquitecto Jorge Barata Martínez para a cubrición da bancada do campo de fútbol de San Lázaro (SERGAS), que suporá un investimento inicial de 90.684 euros. A Concellería de Deportes considerou necesaria esta cuberta ante a cantidade de días de choiva que ten a cidade cada ano e o alto uso que ten esta instalación.

Esta intervención únese a outras que xa tivera que realizar o actual Goberno municipal para solventar as deficiencias na construción deste campo de herba artificial. Así, esta instalación non puidera abrirse ata retirarse a liña de alta tensión que a atravesaba. Ademais, resolvéranse problemas de filtracións, acondicionáranse os vestiarios e dotárase ao campo de iluminación.

Adaptación normativa
En materia de Persoal, a súa titular, Amelia González, deu conta da adaptación ao Real Decreto-lei 20/2012, de medidas para garantir a estabilidade orzamentaria e de fomento da competitividade do convenio colectivo en materias como os días de ausencia por hospitalización, intervención cirúrxica e IT derivada de embarazo, ou permisos por asuntos particulares. Así, contémplanse cuestións como o pago do 50% da retribución nos tres primeiros días de ausencias prolongadas que no xeren incapacidade temporal, o paso de 9 a 3 días de asuntos particulares ou a eliminación do punto que incrementaba o número de días de permiso dispoñibles en función da antigüidade.

Bolsas de comedor
Na reunión do Goberno local tamén se resolveron diversas incidencias relativas á xestión das bolsas de comedor escolar do curso 2012-2013. Sobre este tema, a voceira da Xunta de Goberno, María Pardo, indicou que se concederan 219 becas, das cales 195 permiten atender situacións de emerxencia social (80 euros/mes) e outras 24 son becas de conciliación (40 euros/mes).

Obras no polígono do Milladoiro
Outro dos asuntos tratados foi a autorización ao Concello de Ames para a realización de obras de reparación do firme no Polígono de Novo Milladoiro, concretamente na avenida do Muíño Vello, que se atopa no termo municipal de Santiago de Compostela.

Documentos relacionados



Compartir: