PARQUES E XARDÍNS

Entregados os premios do concurso de debuxos con motivo do Día da Árbore

20/03/2013 O alcalde compostelán, Ángel Currás, e a concelleira de Medio Ambiente, María Pardo, fixeron entrega dos premios con motivo do Día da Árbore. Nesta edición, o concurso, realizado coa colaboración de Cespa (concesionaria do mantemento de zonas verdes), centrouse no CEIP de Vite, cuxos alumnos se encargaran tamén pola mañá da plantación de 300 árbores na zona do Avío, en Vista Alegre.

Pedro Valero López, alumno de 9 anos que cursa 3º de Primaria no CEIP de Vite, recibiu o primeiro premio do certame. Del foi o debuxo da mascota, denominada Árboltriclope, que se imprimiu nos carteis deste Día da Árbore e nas camisetas que os rapaces e rapazas do centro recibiron con motivo da plantación de árbores realizada no Avío.

As segundas clasificadas foron dúas irmás de 11 anos, alumnas de 4º de Primaria, Yazmina e Karina Duro, que realizaron un debuxo titulado A árbore máis marabillosa do mundo. O terceiro premio foi para Leo Espiña Otero, escolar de 11 anos e estudante de 5º de Primaria, cun traballo chamado Grifoiz.

O cuarto e quinto premio foron, respectivamente para, Antón Lareo Sánchez (7 anos, 1º de Primaria), polo debuxo Pepita, a semente, e Marcos Quintáns Rey (12 anos, 6º de Primaria), por A gran árbore.

O xurado outorgou tamén tres accésits a Claudia Feas Gasamáns (6 anos, 6º de Infantil), por O baile das gotas; Ainara Juncal Turnes (6 anos, 6º de Infantil), por Arboauguiña; e Laura Fariña González (8 anos, 2º de Primaria), por Perri el ornitorrinco.

Compartir: