EDUCACIÓN

Obradoiro de iniciación aos instrumentos de manivela na Escola Municipal de Música

20/03/2013 A Escola Municipal de Música de Santiago de Compostela acolle este xoves, 21 de marzo, ás 18:00 horas, un obradoiro de música co recoñecido zanfonista Germán Díaz. Será unha sesión de iniciación aos instrumentos mecánicos de manivela dirixido aos máis novos alumnos da Escola.

Os nenos e nenas poderán achegarse a partir das 18:00 horas á Escola Municipal de Música (rúa Betanzos, 55), onde se lles ofrecerá, xunto cunha exposición de instrumentos mecánicos, unha actividade na que poderán compoñer unha peza musical en cartón que logo será interpretada por un destes instrumentos.

Germán Díaz é un zanfonista cunha ampla traxectoria que abrangue decenas de producións tanto en concertos como en gravacións, ademais de ser profesor de zanfona no seminario permanente de música tradicional na Escola Municipal de Música de Santiago de Compostela. Actualmente forma parte de numerosos proxectos musicais como: Oh Trío, Proxecto Miño, Marisco Fresco, Brigada Bravo&Díaz ou Tasto Solo, cos que actuou por todo o mundo (Colombia, Alxeria, Rusia, Francia, Italia, Portugal, España, Austria, Bélxica, Alemaña, Bulgaria, Marrocos, Eslovenia, Finlandia, Suíza ou Países Baixos, entre outros moitos. Colabora con numerosas formacións e intérpretes como Rao Trío, Vlellistic Orchestra, Uxía, María Salgado, Lalo, Nuke Trío, Warf Shekeldin Gilbril, Pascual Lefeuvre, Valentín Clastier. É o único zanfonista español que pertenceu á mítica Vlellistic Orchestra, formación de zanfonas asentada en Francia cos mellores instrumentistas do mundo. En 2004 crea a súa propia discográfica, Producciones Efímeras, xunto con Fernando Fontes, na que se dá unha especial atención a proxectos de zanfonistas como Marc Egea o Matthias Loibner. En 2008, RNE Clásica dedicoulle un programa en directo sobre a zanfona, dende a Fundación Juan March de Madrid.

Documentos relacionados



Compartir: