URBANISMO

Presentado aos veciños o proxecto definitivo de reurbanización e mellora da mobilidade do polígono de Vista Alegre

19/03/2013 A concelleira de Urbanismo, María Pardo, mantivo unha reunión no Auditorio de Galicia cos representantes veciñais de Vista Alegre para presentarlles o proxecto definitivo de reurbanización deste polígono de vivendas, elaborado polas arquitectas Cristina Ezcurra e Cristina Ouzande.

Con esta actuación demolerase a totalidade das terrazas dos 33 bloques de vivendas cos que conta este polígono. O proxecto contempla actuacións como a supresión de barreiras arquitectónicas; a reordenación do tráfico; a apertura de rúas peonís; a canalización de novos servizos (fibra óptica e gas) e a de outros xa existentes (electricidade), que na actualidade son exteriores; e a reordenación de zonas de estacionamento e soterramento de colectores. O investimento total alcanzará os 1,5 millóns de euros.

O proxecto outorga prioridade aos peóns, mesmo restrinxindo o tráfico en rúas como Rianxo, Riveira ou Noia. Eliminaranse os actuais desniveis entre beirarrúas e calzadas, suprimiranse determinadas prazas de estacionamento e desaparecerá o túnel existente. Outro aspecto novidoso serán as luminarias suspendidas por cables de aceiro.

Esta iniciativa está incluída no proxecto Urbana Santiago Norte, cofinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER).

Compartir: