PARTICIPACIÓN CIDADÁ E CENTROS SOCIOCULTURAIS

Todas a rutas didácticas do programa "Cultura Viva". Fai túa Compostela", con listas de espera dende hai semanas

20/03/2013 Continúan as rutas didácticas do programa educativo Cultura Viva. Fai túa Compostela, promovido pola Concellaría de Participación Cidadá e Centros Socioculturais. Desta vez, un grupo de veciños tivo a oportunidade de visitar San Domingos de Bonaval. Con esta xa son oito as rutas realizadas nesta segunda edición do programa, nas que participaron 180 persoas.

O concelleiro de Participación Cidadá e Centros Socioculturais, Francisco Noya, sumouse a esta ruta, denominada "Os espazos claustrais I: San Domingos de Bonaval". Foi unha visita explicativa dun dos espazos claustrais extramuros máis importantes de Santiago de Compostela. Os participantes coñeceron as súas características arquitectónicas e os seus usos na actualidade.

Para o desenvolvemento desta ruta didáctica contouse coa colaboración do Museo do Pobo Galego, institución á que a Concellaría agradece as facilidades para que o grupo accedera ao mosteiro de San Domingos de Bonaval.

Máis de 700 participantes
Nesta segunda edición do programa Cultura Viva. Fai túa Compostela xa se realizaron oito rutas, coa participación de 180 persoas. Sumados os participantes nas 23 rutas da primeira edición (celebrada de outubro a decembro de 2012), o programa rexistra xa 703 participantes.

As 35 rutas desta segunda entrega alcanzarán os 700 participantes. De feito, todos os percorridos esgotaron as prazas hai semanas, contando xa cunha longa lista de agarda.

Deste trimestre, ata o 20 de abril, quedan nove rutas por realizar. Ata o final do programa (22 de xuño) quedarían outras 18 rutas.

A Concellería resalta tamén a colaboración duns 30 voluntarios, entre instituciones públicas, privadas, artesáns, artistas, personaxes relevantes de Santiago, etc.

Compartir: