CULTURA

Luar na Lubre estrea en Santiago novo espectáculo, un percorrido polos seus máis de 25 anos de traxectoria

15/03/2013 O director - xerente do Auditorio de Galicia, José Victor Carou presentou "Sons da lubre nas noites de luar", o novo espectáculo de Luar na Lubre, que se presenta en Santiago no marco do ciclo Íntimo & Acústico. Na rolda estiveron tamén Bieito Romero (gaitas, acordeón, zanfoña), Paula Rey (voz) e outros integrantes do grupo. O concerto terá lugar o xoves 21 de marzo, ás 21:00 horas, no Teatro Principal.

A música de Luar Na Lubre non entende nin de fusións nin de confusións, de modas ou de vaivéns. É un exemplo claro de lealdade a un xeito de facer, de descubrir vencellos entre a raíz e o contemporáneo, de constancia en tempos difíciles que sempre da froitos. É a música de Luar na Lubre, suxestiva, variada, que permite o baile e a fantasía. Son cancións vitais, con alma, ben elaboradas e con vocación de permanencia. De grande alcance colectivo e que voan por encima das fronteiras. "Escoitando estas cancións que resumen 25 anos da nosa vida, un sente unha vertixe cara adiante. Se miramos cara atrás, o sentimento é de satisfacción", explica Bieito Romero. "O noso é un traballo de formiguiñas, de ir avanzando en cada álbum, en cada concerto, superándonos en cada momento, sempre activos. Somos unha banda numerosa, equilibrada, que busca o traballo ben feito e está satisfeita dos resultados".

Luar na Lubre está formado por Bieito Romero (gaitas, acordeón, zanfoña), Paula Rey (voz), Xulio Varela (bouzouki, voz, percusión), Eduardo Coma (violín), Paxti Bermúdez (bodhran, tambor, djimbek), Pedro Valero (guitarra acústica), Xavier Ferreiro (percusión latina, efectos) e Xan Cerqueiro (frautas). Ao longo deste cuarto de século de vida, pola banda pasaron voces como as de Ana Espinosa, Rosa Cedrón e Sara Louraço Vidal, até chegar á actual de Paula Rey. Todas, xunto ao elevado e preciosista carácter instrumental de Luar na Lubre, marcaron a música dun grupo único e referencial polo seu tratamento das músicas tradicionais de raíz fundamentalmente galega.

"O noso primeiro disco contiña "O son do ar" (incluída nesta caixa), a canción que lle daba título, e da que Mike Oldfield fixo unha versión. En España, Oldfield era unha especie de deus e a nosa música disparouse. Serviunos de moito, a xente achegouse a Luar na Lubre", continúa Bieito Romero. "Dende entón, creo que seguimos unha evolución ascendente e non é palabrería. Buscamos que cada disco sexa mellor, ir un pouco máis aló, evolucionar cara a unha superación maior. Publicamos 13 álbums e a nosa carreira non é de grandes saltos, senón dunha consolidación continua".

Esta permanencia de 25 anos é máis significativa e meritoria ao desenvolverse con constancia e fidelidade no universo do folk. "Interpretamos músicas tradicionais, vellas cancións, sempre dende a nosa visión", afirma Bieito Romero. "Traballamos sobre músicas de raíz achegando a nosa cor, o mesmo que coas nosas propias composicións, que sempre teñen inspiración na música galega". E cando aparece o termo "fusión", Bieito deixa as cousas ben claras: "Somos un país permeable, ao que contribuíu a emigración de ida e volta, o Camiño de Santiago... O carácter dáo a forma de entender a música, as sonoridades. Coas fusións hai que ter coidado e coñecer moi ben os estilos. Fusión non é confusión".

Traxectoria
Luar na Lubre fundouse en 1986 na Coruña coa vocación de desenvolver e dar a coñecer a música e a cultura galegas. Cun repertorio baseado fundamentalmente en músicas de raíces galegas, Luar na Lubre é actualmente a banda máis internacional de Galicia e actuou desde Palestina a Canadá, desde Alemaña a Arxentina. En 1996, Mike Oldfield incluíu no seu álbum Voyager unha versión da canción "O son do ar", que daba título ao primeiro disco da banda coruñesa, publicado en 1988. Tras este debut, Luar na Lubre lanzou álbums como Beira atlántica (1990), Plenilunio (1997), Cabo do mundo (1999), XV aniversario (2001), Espiral (2002), Hai un paraíso (2004), Saudade (2005), Camiños da fin da terra (2007), Ao vivo (2009), Solsticio (2010) e Mar maior (2012).

Ao longo da súa carreira, Luar na Lubre vendeu máis de 300.000 exemplares dos seus álbums (Plenilunio e Cabo do mundo foron discos de ouro) e recibiu nove Premios da Música (concedidos pola Academia das Artes e as Ciencias da Música), dous Premios Luar (outorgados polo programa Luar de TVG) e un Premio Ideal (concedido por El Ideal Gallego), entre outros recoñecementos. Nos seus máis de 25 anos de traxectoria, Luar na Lubre deu máis de mil concertos en máis de 23 países, participando nos principais festivais de World Music xunto a artistas como Mike Oldfield, The Waterboys, The Corrs ou Bob Geldof. É unha xira permanente que continúa nos próximos meses.

Entradas

10€ anticipada / 12 € billeteira

Puntos de venda:

Billeteira do Teatro Principal. Aberta de martes a sábado (+ días de evento) de 18:00 a 21:00 horas.

Os días que hai evento no teatro, a venda anticipada remata ás 20:00 horas e só se venden entradas para o espectáculo dese día.

Teléfono da billeteira: 981 542 349
entradas.novagaliciabanco.es 902 434 443

Compartir: